A Casa de la Troya organiza este venres un paseo literario teatralizado polo centro histórico de Santiago, no marco da II Semana do Libro de Compostela

O roteiro, que será gratuíto, partirá do museo ás 19:30 horas e rematará na Praza da Quintana

O Museo Casa de la Troya está a celebrar todos os venres de maio e xuño a actividade dos Venres Troyanos. Trátase de roteiros culturais teatralizados por diferentes rúas e prazas do centro histórico de Compostela relacionadas co tempo da vella pensión de estudantes que Alejandro Pérez Lugín recolleu na súa novela “La Casa de la Troya”.

O roteiro deste venres, 1 de xuño, enmárcase nos actos da II Semana do Libro de Compostela (SELIC) e será gratuíto. Nesta ocasión partirá do propio museo, ás 19:30 horas, e rematará no lugar de celebración da SELIC, a Praza da Quintana, ao redor das 21:00 horas. “Debido a que se prevé unha elevada participación, este paseo troyano transcorrerá enteiramente polas rúas, sen incluír a visita ao museo, como é habitual nestes roteiros” -indica Benigno Amor, presidente da Asociación de Antigos Tunos Composteláns, entidade que xestiona o museo-.

Estas rutas dramatizadas pola cidade histórica realízanse en colaboración co Concello de Santiago. Nelas búscase combinar a información cultural e histórica co humor, de xeito que a visita resulte interesante e entretida para o público de todas as idades. Así, este paseo literario estará amenizado polas explicacións dun guía caracterizado como un dos personaxes da novela de Pérez Lugín, que vencella os lugares que se visitan coa trama do libro. Trátase de Suso Martínez, historiador, guía turístico, divulgador e actor especializado na historia de Galicia, que leva máis dunha década realizando visitas guiadas teatralizadas. Nesta ocasión fará o percorrido caracterizado como Manuel Casás, un dos estudantes da pensión da Casa de la Troya que logo sería alcalde da cidade da Coruña e presidente da Real Academia Galega.

O documental “A Compostela de La Casa de la Troya” pode verse nas redes sociais

Manuel Casás é ademais o protagonista do documental “A Compostela de La Casa de la Troya”, realizado para conmemorar o 25 aniversario do museo. O documental está accesible na páxina web (www.lacasadelatroya.gal), no Facebook do Museo (@MuseoCasadelaTroya) e no Youtube da Asociación de Antigos Tunos Composteláns.

O museo pode visitarse todos os venres e sábados ata mediados de xullo, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas (os venres prolóngase ata as 22:00 horas), acompañados das guías da casa. E dende mediados de xullo ata principios de setembro abrirá no seu horario habitual de verán, durante toda a semana e pechando os domingos e os luns.