Analizarase como afectan os ataques informáticos a empresas, Administracións Públicas e cidadáns e que poden facer para protexerse
A “III Xornada de Ciberseguridade en Galicia” inaugurarase ás 10:00 horas no salón de actos do organismo
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza o vindeiro xoves, 31 de maio, a “III Xornada de Ciberseguridade en Galicia”, co patrocinio da firma Emetel e a colaboración de Abanca, Symantec, Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) e Campus Innova (UDC).
Un amplo elenco de expertos en ciberseguridade daranse cita en Santiago de Compostela nesta xornada que se celebrará en horario de mañá na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Con esta actividade, o CPEIG porá a comunidade galega á vangarda da seguridade e a privacidade, principais preocupacións actuais do empresariado, Administracións Públicas e particulares.
A xornada, que comezará ás 10:00 horas no salón de actos da EGAP, será inaugurada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez; o director de Prevención de Pérdida, Continuidade e Seguridade de ABANCA, Roberto Baratta; o director Xeral de EMETEL, Manuel Lago; e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta de Galicia, Mar Pereira Álvarez.
A continuación, celebrarase unha mesa redonda sobre AAPP, moderada por Roberto Baratta, cos seguintes expertos: o director Xeral de INCIBE, Alberto Hernández Moreno; o delegado de Protección de Datos do Consejo General de la Abogacía Española, José Luis Piñar; e o xefe de Ciberseguridade do Centro Criptológico Nacional (CCN), Javier Candau.
Despois dun descanso, celebrarase outra mesa redonda centrada nas empresas e moderada polo director de Transformación dixital e Seguridade de Emetel, Rafael Ave, e na que intervirán o Global Security & Compliance Strategist de Google Cloud at Google Inc., Julien Blánchez; o Security Technical lead de Microsoft, Fernando Rubio; o Strategist & Evangelist na oficina do CTO en Symantec, Ramsés Gallego; e o cofundador e coorganizador do evento RootedCON Román Ramírez.
O peche da xornada está previsto ás 14:10 horas coa intervención de Fernando Suárez e Roberto Baratta. A asistencia ao encontro é aberta, previa inscrición en https://iii-xornada-ciberseguridade.eventbrite.es.