A Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos analiza a obra de Alejandro de la Sota, baseada na relación do espazo arquitectónico co xardín privado, a paisaxe e a natureza

Manuel Amable Romero, arquitecto: “Nas obras de Alejandro de la Sota a natureza é un constante referente e un elemento inseparable dos seus proxectos”

A conferencia celebrarase hoxe ás 19:30 horas

A Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia organiza hoxe martes, día 15, unha conferencia sobre a obra do arquitecto Alejandro de la Sota (Pontevedra, 1913 – Madrid, 1996), ás 19:30 horas na súa sede colexial. O arquitecto Manuel Amable Romero será o encargado de impartir esta sesión, que se celebra tras o paso da exposición itinerante “Alejandro de la Sota 1913-1996”, que estivo en Vigo (rúa Príncipe, fronte do Marco) ata o pasado sábado 12 de maio e na que se recollen o pensamento artístico do arquitecto pontevedrés homenaxeado este ano no Día das Artes Galegas.

Manuel Amable Romero ofrecerá un relatorio titulado “Sota e a natureza”, onde explicará o diálogo entre o espazo natural e o espazo arquitectónico na obra de Sota e nalgúns mestres contemporáneos ligados a súa vida e obra. O arquitecto destaca que esta relación atemporal da arquitectura e natureza permitirá repasar e relacionar conceptualmente algunhas obras de Alejandro de la Sota, desde os primeiros debuxos e bosquexos do arquitecto ata os seus proxectos arquitectónicos, sempre influenciados pola súa infancia na aldea pontevedresa de Salcedo. “Nas obras de Alejandro de la Sota a natureza é un constante referente e un elemento inseparable dos seus proxectos” –indica–.

Distinguirá tres eixos principais que estruturaron as obras de Alejandro de la Sota: o espazo arquitectónico en relación ao xardín privado; o espazo arquitectónico en busca do espazo natural e a paisaxe, coa vivenda integrada; e a natureza como continuo referente da arquitectura sotiana, onde a vivenda se relaciona co espazo natural de fondo a través dunha fiestra ou galería.

Ademais, sinala que este trazo da sensibilidade sotiana tamén é visible nalgúns dos arquitectos contemporáneos cos que mantivo contacto e colaborou activamente, como Manolo Gallego Jorreto, Víctor Cotelo, Carlos Puente ou Josep Llinas. Así, Romero analizará o espazo arquitectónico no espazo natural na obra da casa Varela en Corrubedo, as vivendas en Alcudia na costa mediterránea, a casa en Veigue, o aulario de Sevilla, a Facultade de Alcalá de Henares, a Facultade de Salamanca, intervencións en Caramomiña e Pontepedriña en Santiago de Compostela, unha vivenda en Begu ou a Biblioteca Fort Pienc.