Ademais da xornada de portas abertas o 18 de maio e visitas guiadas, durante todo o mes haberá talleres, exposicións, contacontos, lecturas literarias, música e cine para o público infantil e adulto
O 18 de maio conmemórase o Día Internacional dos Museos, baixo o lema “Museos hiperconectados: enfoques novos, públicos novos”. Como xa é habitual dende hai sete anos, os museos composteláns suman esforzos para celebrar esta efeméride. Nesta ocasión apóstase por establecer “marcos de colaboración e de traballo conxunto nos que compartir recursos, aumentar a visibilidade, crecer e seguir mantendo a esencia social, colectiva e pública”. Esta mañá presentaban as súas propostas no Museo Casa de la Troya.
Esta semana e en xornadas posteriores, composteláns e visitantes poderán gozar de numerosas actividades organizadas conxuntamente por oito centros museísticos da cidade: Museo do Pobo Galego, Fundación Granell, Museo das Peregrinacións e de Santiago, Centro Galego de Arte Contemporánea -CGAC-, Museo Catedral, Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), Museo Casa de la Troya e Museo de Historia Natural. Promoveranse xornadas de portas abertas, itinerarios e lecturas literarias, visitas guiadas, ciclos de música e cinema, obradoiros para público infantil e adulto, e exposicións que encherán a cidade durante todo o mes.
A programación de DIMCompostela quere poñer de manifesto o papel que as novas tecnoloxías teñen no encontro entre os públicos e os museos, en particular cos máis novos. “O museo é hoxe un lugar onde nos atopamos con distintas áreas do coñecemento científico e das artes, pero tamén dende onde compartimos as nosas experiencias a través dos medios sociais. Esta hiperconexión permítenos tamén abrir os museos a visitantes que non están fisicamente neles, facer particípes a máis persoas, amplificar a audiencia dos nosos contidos e, en definitiva, facernos máis visibles aos ollos da cidadanía” -explican-.
Actividades para todos os públicos
Todos os centros participantes celebrarán unha xornada de portas abertas o Día Internacional dos Museos, o venres 18 de maio, ademais de visitas guiadas gratuítas.
O CGAC mesturará a música e a arte o martes 15, nun programa que inclúe actividades didácticas para escolares e unha homenaxe ao artista Manuel Model. O mércores 16 haberá un curso de cinema e o sábado 19 e o domingo 20 talleres para familias centrados no movemento.
O Museo do Pobo Galego trae a Santiago as fotografías e os filmes do guardés Joaquín García Portela “Costiña” (do 19 de abril ao 10 de xuño). Ademais, o 15 de maio haberá un espectáculo de contos de tradición oral con obxectos e monicreques da man da narradora Raquel Queizás, para nenos de 3 a 6 anos. E o 16 vanse programar lecturas literarias con música.
O 18 de maio os contacontos serán protagonistas no Museo das Peregrinacións, que ademais acollerá un concerto e talleres. Haberá un obradoiro de iniciación ao torno cerámico co artesán Nano Unzueta, xunto a un concerto de The Lácazans. O sábado 19 poderase asistir a un obradoiro de construción de instrumentos musicais e a unha sesión de narración oral con Cándido Pazó.
O Museo Casa de la Troya realizará o venres 18 un roteiro pola Compostela que ilustra a novela de Pérez Lugín. O percorrido, dunha hora e media de duración, partirá da estatua de Rosalía de Castro na Alameda e desenvolverase polas rúas do casco histórico ata o museo. O guía será o actor Suso Martínez, caracterizado como o estudante Barcala, acompañado da música do grupo Troyanos de Compostela.
O Mupega ofrece a oportunidade de percorrer de balde, ata o 2 de xuño, unha exposición centrada nos Inventos que nos conectan, na que se mostra a evolución da tecnoloxía ao servizo da comunicación humana. E o venres 18 de maio desenvolverase o obradoiro familiar “Xogando a detectives no Mupega”, a través do cal se achegará de xeito divertido a historia da educación en Galicia.
O Museo de Historia Natural, ademais da xornada de portas abertas o venres 18, realizará visitas guiadas de balde, deseñadas tanto para familias como para o público en xeral, cunha duración aproximada de unha hora e media.
O Museo Catedral, xunto ás visitas guiadas á súa colección permanente, levará a cabo a actividade didáctica “Descubrindo ao Mestre Mateo” no Pazo de Xelmírez, unha iniciativa dirixida a grupos escolares.
E na Fundación Granell os visitantes terán a posibilidade de coñecer o proxecto de difusión dos fondos artísticos do museo que non se atopan en exposición. Ademais, poderán achegarse aos traballos relacionados para a súa investigación e exhibición, combinando os recursos físicos cos virtuais.