Ludantia clausúrase coa premisa de profundar no trinomio espazo público-infancia-educación e o compromiso adulto para garantir o dereito ao xogo e á cidade do máis pequenos

A Asociación Ludantia, Educación y Arquitectura creouse en 2017 para agrupar aos colectivos españois que traballan no diálogo entre educación e arquitectura para a infancia e a mocidade 

A I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e a MocidadeLUDANTIA–, organizada polo Colexio de Arquitectos de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia, Deputación e Concello de Pontevedra, finaliza hoxe sábado a súa celebración no Pazo da Cultura de Pontevedra, aínda que as catro exposicións permanecerán abertas ata o 17 de xuño.

O comité organizador de Ludantia amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento da bienal, onde se traballou conxuntamente, entre os case 200 profesionais da educación e a arquitectura que participaron no evento, co trinomio espazo público-infancia-educación, convertendo a nenas e nenos nos transformadores dos seus espazos, “escoitando a súa voz para saber que necesitan e propoñen e para mostrar o compromiso adulto que require o seu dereito ao xogo e á cidade”.

Nesta última xornada celebrouse un seminario sobre “A cidade e a infancia”, dirixido por María Arana (Arkitente), Clara Eslava (doctora en arquitectura e autora do libro “Territorios de la infancia”), Rosa Valdivia (coordinadora do grupo de traballo “La ciudad de las niñas y los niños” de Acción Educativa), Irene Quintáns (Fundación Bernard van Leer e Rede Ocara) e UIA Children.

Este seminario trata de sumar ás propostas infantís as experiencias de equipos e persoas que desenvolveron proxectos xunto a outras disciplinas (arquitectos, urbanistas, xeógrafos, antropólogos, sociólogos…) e debater conxuntamente liñas prioritarias a seguir co obxecto de mellorar a relación espazo público-infancia.

Explicaron que o espazo urbano é inhóspito para a infancia. Aos riscos do tráfico únese a falta de contextos sociais que promovan a sensación de seguridade necesaria para que nenos e nenas recuperen o xogo e o desprazamento autónomo pola cidade. Sinalaron que, por primeira vez, o xogo libre infantil sen supervisión adulta desapareceu, e as consecuencias deste fenómeno, así como a perda de contacto coa natureza, xa destapa as consecuencias nas súas primeiras investigacións. Manifestaron que xa empeza a ser urxente a xeración de estruturas e propostas que recuperen a presenza da infancia nas rúas e acolla as súas necesidades. 

Unir máis, dar visibilidade e impulso

Finalmente, Ludantia pechou a súa xornada coa presentación da “Asociación Ludantia, Educación y Arquitectura”, un espazo de debate e propostas que naceu a raíz dos Encontros Internacionais “Playgrounds”. Esta entidade, que se materializou en setembro de 2017, aglutina aos colectivos que traballan en torno ao diálogo entre educación e arquitectura para a infancia e a mocidade.

A xunta directiva está composta por Fermín Blanco (Coruña), presidente; Miguel Díaz Rodríguez (Madrid), tesourero; Sara San Gregorio (Madrid), a secretaria; Carmen Cerezo (Córdoba), vocal; Anna Biedermann (Zaragoza), vocal; Anabel Varona (San Sebastián), vocal; e María José Selgas (Valladolid), vocal.

Fermín Blanco, creador en Galicia os talleres de arquitectura do Sistema Lupo, explicou que a entidade é unha agrupación social de ámbito estatal, sen ánimo de lucro, que naceu co obxecto de formalizar unha traxectoria seguindo criterios de xenerosidade e esforzo persoal dos seus participantes, sempre coa finalidade de “unir máis, dar visibilidade e impulso” a todos os que traballan para a infancia, arquitectura e educación. 

Web: https://arquitecturayeducacion.wordpress.com/asociacion-ludantia-arquitectura-y-educacion/

 –WEB DE LUDANTIA: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional