O decano do COAG, Antonio Maroño, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a coordinadora da sección Hai Mulleres, Elvira Carregado, abriron o encontro esta mañá
O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) celebrou hoxe unha xornada de visibilización das mulleres da profesión no Centro de Estudos Avanzados de Santiago (Finca Vista Alegre), baixo o título de Hai Arquitectas. Unha vintena de profesionais participaron nas tres mesas en que se distribuíu o programa e que versaron sobre as pioneiras, os chamados teitos de cristal e o presente e futuro da profesión; entre elas, Amparo Casares (A Coruña), Teresa Táboas (Pontevedra) e Cristina García Fontán (Santiago).
O decano do COAG, Antonio Maroño, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a coordinadora da sección colexial Hai Mulleres, Elvira Carregado, abriron a xornada coincidindo na necesidade de facer visibles as arquitectas. Antonio Maroño ponderou a iniciativa como “xusta e necesaria”, ao tempo que lembraba a figura de Teresa Táboas como decana do Colexio, e destacou a defensa que a corporación que preside “fixo e fai” do idioma, a paisaxe, a eficiencia enerxética, o patrimonio e a igualdade, entre outros ámbitos.
Elvira Carregado, coordinadora da sección Hai Mulleres –creada no COAG en 2015–, indica que a intención é visualizar e demostrar que as mulleres están presentes en todos os modos e contornas deste oficio. Dispoñen dun espazo propio en Internet para compartir experiencias de igualdade. “Sabemos que faltan referentes femininos e o importante que son. Aínda que parece que se respira unha nova sensibilidade, as estatísticas evidencian que o desequilibrio en cuestión de xénero no exercicio profesional da arquitectura e o urbanismo continúa, e xa non digamos cando nos aproximamos a postos representativos. Así que falta moito por andar”, segundo advirte a arquitecta.
Amparo Casares, subdirectora da ETSA da Coruña, indica que a arquitectura segue a ser unha profesión de homes, malia que máis da metade dos alumnos da Escola son mulleres. “Gustaríame –agrega– que as estudantes estivesen en condicións de igualdade respecto aos seus compañeiros, pero resúltame difícil imaxinarmas encaixando na arraigada estrutura de poder masculino que agora temos”. A profesora destaca as novas propostas de arquitectura que lideran maioritariamente mulleres, nestes momentos críticos para a profesión clásica, “aínda que esto non significa que falemos dunha situación cualitativa equiparable e, en absoluto, que a profesión sexa feminina”, conclúe.
Teresa Táboas, que foi conselleira de Vivenda e Solo co Bipartito e a única muller decana do COAG, afirma que tivo a “sorte” de ter sido apoiada sempre polos seus compañeiros, polo que ela non padeceu o chamado teito cristal, se ben indica que é algo que está a acontecer nas sociedades avanzadas. “Eu tiven a fortuna e a honra de formar parte dun Goberno paritario e, posteriormente, de ir nunha lista cremalleira, así como o respaldo dos meus colegas na época en que fun presidenta do Colexio en Pontevedra e, logo, decana”, agrega a arquitecta que logo do seu paso pola política volveu ao exercicio profesional. Pero di coñecer a moitas compañeiras que si sufriron situacións de “desigualdade”, e mesmo ela lembra particularmente unha na que tivo que enfrontarse a un xefe de obra “faltón”.
Cristina García, arquitecta con estudio en Santiago e profesora na ETSA de A Coruña, sinala que hai moito por facer neste ámbito, aínda que recoñece que ela non sufriu ningunha falta de consideración profesional: “Os meus clientes e os traballadores nas obras sempre foron moi respectuosos comigo”.
Relación completa de arquitectas participantes:
- Myriam Goluboff Scheps
- María Jesús Blanco Piñeiro
- Paula Fernández-Gago Longueira [sobre Rita Fernández Queimadelos]
- Amparo Casares Gallego [sobre Pascuala Campos Michelena]
- Inés Pernas Alonso [sobre Milagros Rey Hombre]
- Isabel Aguirre de Urcola
- Noemí Sanchís Morales
- María Fernández Lemos
- Miriam García García
- Mónica Mesejo Conde
- María Luisa Pierres López
- Teresa Táboas Veleiro
- Eva Reza Paz
- Ana Amado Pazos
- Cristina García Fontán
- María González Ferro
- Luz Paz Agras
- Laura Pato Gómez
- Carmen Armada Martínez