A mostra Expo-Activa de Ludantia convértese nun gran espazo de xogo sobre arquitectura para o alumnado de Educación Primaria e as familias ata o 17 de xuño

O Proxectoterra do Colexio de Arquitectos de Galicia cumpre 18 anos contribuíndo a mellorar a formación de todos os escolares de Galicia sobre as xentes, espazos e lugares que habitamos 

A I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e a MocidadeLUDANTIA–, organizada polo Colexio de Arquitectos de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia Deputación e Concello de Pontevedra, continuou hoxe venres a súa celebración no Pazo da Cultura de Pontevedra.Ludantia naceu para visibilizar e potenciar os proxectos que abordan infancia, arquitectura e educación, concretamente para saber que queren nenas e nenos dos espazos públicos en distintas partes do mundo, para mostrar a capacidade transformadora da infancia, para entender a relación entre educación e participación, para facer que as cidades sexan mellores escenarios para os máis pequenos e para aprender metodoloxías e procesos.

O tema da bienal é “Habitar desde o lúdico: do patio escolar á cidade como taboeiro de xogo”, é dicir, o espazo público como construción de accións libres e o xogo como estratexia de adaptación ao medio. E nesta ocasión, Colombia será o país invitado, ao ser un interesante exemplo de educación en arquitectura para a infancia e a mocidade en diversos escenarios sociais e culturais. Nesta primeira edición participan aproximadamente 190 profesionais de 29 países diferentes de Europa, Asia e América, o que lle confire ao evento un público amplamente internacional. 

Catro mostras simultáneas 

Ludantia conta con catro exposicións simultáneas que estarán abertas ao público ata o 17 de xuño nas salas de exposicións do Pazo da Cultura: “LUDANTIA: Proxectos seleccionados”, “Colombia: País invitado”, “UIA Children-Golden Cubes” e  “Expo Activa”.

“LUDANTIA: Proxectos seleccionados”: A bienal reuniu 89 proxectos participantes procedentes de 19 países: Arxentina, Brasil, Bulgaria, Chile, Colombia, Costa Rica, Ecuador, España, Francia, Guatemala, México, Perú, Portugal, República Checa, República Dominicana, Rumanía, Suecia e Venezuela. Esta exposición engloba unha selección dos proxectos educativos presentados, previamente seleccionados polo comité científico de Ludantia.

“Colombia: País invitado”: A bienal conta cunha sección destinada a Colombia, na que se mostran proxectos desenvoltos neste país invitado que relacionan  educación, arquitectura e infancia. Colombia descubre, coa atención á infancia, formas de establecer novos vínculos entre a arquitectura, o xogo e a pedagoxía. Está comisariada polo director artístico de Ludantia, Jorge Raedó, coa colaboración de Olga Lucía Olaya Parra, unha das mellores especialistas en educación de arte para a infancia e mocidade de Colombia; e deseñada polo Museo de Arquitectura Leopoldo Rother, (Memet Charum, director; e Ricardo Navas, deseñador gráfico).

​Nestas experiencias reflíctense oportunidades onde nenos e nenas gozan de innovacións pedagóxicas, materiais e didácticas que modifican as preguntas relacionadas polo espazo, cor, interacción co lugar, memoria e cultura. A arquitectura vólvese suxeito protagónico na construción de ambientes de aprendizaxe que comprenden os procesos de configuración do xogo como oportunidade para potenciar pensamento estético, artístico e identitario nos nenos.

Ludantia acolle a un país onde se pensa a infancia en clave de paz. Son os arquitectos, deseñadores, artistas, axentes de política pública os que apoian novos lugares nas cidades onde  se escoita a voz da infancia, como en hospitais, escolas e parques, e se entende o xogo como oportunidade para comprender o habitus da infancia en plenitude.

​“Golden Cubes”: Esta exposición reúne os proxectos premiados pola Unión Internacional de Arquitectos na súa sección de infancia. Ver vídeo do proxecto expositivo: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional/uia-golden-cubes

“Expo-Activa”: Esta exposición interactiva está formada por dispositivos de xogo relacionados coa arquitectura. É un dos elementos esenciais de Ludantia e organízase grazas á colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. A mostra, destinada principalmente a centros educativos de Primaria, converterase nun gran espazo de xogo a partir da arquitectura, fomentando a autonomía e o xogo en liberdade entre nenos e nenas.

A mostra foi deseñada por Carlos Arruti e Anabel, de Varona Maushaus Arquitectura. Foron colaboradores no contido das caixas Teresa Meana (TM arquitectura), Xosé Manuel Rosales (Proxectoterra), Fermín Blanco (Sistema Lupo), Sara San Gregorio (Microarquitectura), Víctor González Échave (Palitroques), María Mallo, Irene Fernández (Createctura), Fernando Arenas e Sara Moreno (Mimaia).

A mostra está destinada a colexios, familias con nen@s e amantes da vida en xeral, especialmente para pequenos e mozos de 3 a 16 anos. Poderase visitar e xogar na mostra no horario de apertura do Pazo da Cultura (luns-venres de 9:00–14:00 e de 16:00–20:00 horas; sábados de 12:00–14:00 e de 18:00–21:00 horas; e domingos de 12:00–14:00 horas).

A Expo-Activa é un gran dispositivo de xogos a partir da arquitectura e do tema da bienal: os espazos de relación xerados a través do xogo. As nenas e nenos xogando son a exposición en si, e o xogo constrúe este espazo, que propicia e incorpora múltiples variantes, xerando autonomía, liberdade e lugares de relación entre os seus xogadores. Para alcanzar este obxectivo, créanse diferentes zonas de xogo, dentro dunha mesma paisaxe, onde as accións se superpoñen e cohabitan.

Tendo en conta as categorías establecidas para a clasificación dos proxectos da bienal, cos seus espazos lúdicos e as súas accións, como se dun gran xoguete se tratase, a Expo-Activa trata de estimular a imaxinación dos visitantes, sen intentar dar un final ao xogo, senón múltiples continuacións. 

Recursos educativos, visitas guiadas e intercambios territoriais no Proxectoterra

Ademais, Ludantia conta con numerosas comunicacións que se encadran en tres liñas temáticas: Experiencias educativas relacionadas co espazo público; a participación infantil na cidade e os edificios públicos; e o xogo e o neno nas  contornas urbanas. E hoxe venres expuxéronse varias comunicacións sobre proxectos de educación en arquitectura en Galicia. Entre eles destaca o Proxectoterra, coordinado polo arquitecto, membro da xunta de goberno do COAG e profesor Xosé Manuel Rosales, que ademais exerce como director executivo de Ludantia.

O Proxectoterra é un proxecto de cooperación co mundo da educación, iniciado no ano 2000 polo Colexio de Arquitectos de Galicia. O seu obxecto é contribuír a mellorar o coñecemento e a formación que os escolares de Galicia teñen sobre as xentes, espazos e lugares que habitamos. E para iso apórtanse recursos educativos e actividades complementarias, como visitas guiadas e intercambios territoriais, que poidan ser de utilidade para o profesorado e o alumnado das distintas etapas da escolarización obrigatoria. Elaboráronse recursos educativos para Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria, e foron enviados gratuitamente a todos os centros educativos de Galicia. Todos los recursos foron distribuídos gratuitamente aos 1.323 centros educativos de Galicia (públicos, concertados e privados) de Educación Infantil (997), Primaria (946) e Secundaria (441). A iniciativa, que conta co compromiso institucional e financiamento da Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, recibiu en 2010 o Premio Nacional de Urbanismo e o Premio da Crítica de Galicia en 2011.

Web Proxectoterra:

http://proxectoterra.coag.es/

Folleto informativo Proxectoterra:

http://proxectoterra.coag.es/wp-content/uploads/2018/05/PT_Web-GAL.pdf

 Vídeo Proxectoterra:

https://www.youtube.com/watch?v=2RydogocjLo&feature=youtu.be

Ademais, expuxéronse outros proxectos como “Camiño Escolar ao territorio da autonomía”, por parte de María Masaguer e Martín Barreiro (Estudio Rurban); “A cidade do mañá” por  Sandra Gonzál ez (Post Arquitectos); e “A cidade no aula” por Marta Guirado (Taller Abierto). 

Mesa de xoguetes

Pola tarde, celebrouse unha mesa de traballo de Xoguetes, na que participaron  Fermín Blanco (Sistema Lupo), Sara San Gregorio e Marco Ginoulhiac (microarquitectura) e Fabiola Uribe (Lunárquicos). Analizaron o uso dos xoguetes, a orixe das súas patentes e o proceso de fabricación. Fermín Blanco explicou que os xoguetes son considerados instrumentos deseñados e producidos para ser utilizados durante a acción de xogar, e a través desta acción poden articularse unha serie de procesos didácticos en arquitectura.

Ademais, celebrouse un seminario sobre “Metodoloxías de participación coa infancia e a mocidade”, no que participaron Javier Vera (CCC), Ángela Uttke (JAS), Joan Vitòria Codina (El Globus Vermell), Fabiola Uribe (Lunárquicos), Ahinitze Errasti (Nondik) e Cristina Llorente (Arquitectives), onde compartiron experiencias e debatiron puntos de vista.

Os expertos explicaron que actualmente o carácter social da arquitectura incrementou a participación dos usuarios nos espazos que habitan e a súa capacidade de incidencia nos mesmos.  Pero a novidade é a recente inclusión da infancia nestes procesos, polo menos dunha forma xeralizada, a pesar de que esta premisa aparece recollida na Convención dos Dereitos do Neno desde 1989. A participación da infancia require a miúdo unha metodoloxía específica, segundo o seu rango de idade, e soen estar ligadas a procesos educativos. 

Ludantia celebrará mañá a súa última xornada con novas conferencias e seminarios. Destaca a intervención do vicepresidente da Deputación de Pontevedra e responsable da Área de Medio e Desenvolvemento Sostible, César Mosquera, que falará sobre os “Criterios de mobilidade en Pontevedra”. Celebrarase tamén un seminario sobre a cidade e a infancia. E finalmente a bienal rematará coa presentación da Asociación Ludantia Educación e Arquitectura e os próximos eventos de educación en arquitectura para a infancia e a mocidade, a cargo do presidente de asociación, Fermín Blanco, e o director artístico da I Bienal Ludantia, Jorge Raedó. 

–WEB DE LUDANTIA: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional