Ludantia mostra a visión da infancia sobre os espazos públicos en distintos países co obxecto de facer que as cidades sexan mellores escenarios de xogo para os máis pequenos

Antonio Maroño, decano do Colexio de Arquitectos de Galicia: “As actividades educativas tentan darlle aos nenos de todo o mundo ferramentas para vivir, entender, interpretar e cambiar a súa contorna, e este é o esforzo de traballar facendo futuro” 

Francesco Tonucci, pedagogo:Escoitando e tendo en conta as necesidades dos nenos modificaranse substancialmente os espazos de xogo, identificándoos como espazos públicos, e revisaranse de novo os tempos da vida infantil e a súa relación cos adultos” 

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) inaugurou hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra LUDANTIA, a I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e a Mocidade, conxuntamente coas Administracións Públicas colaboradoras: Xunta de Galicia (a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística), Deputación de Pontevedra e Concello de Pontevedra. O acto oficial estivo presidido polo decano do COAG, Antonio Maroño; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

O evento contou coa asistencia doutras autoridades, como a directora Xeral Urbanismo e Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas; o director Xeral da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Xunta de Galicia (APLU), José Antonio Cerdeira; e a deputada Provincial responsable de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas. Tamén asistiron ao encontro gran parte dos membros da Unión Internacional de Arquitectos especializados en Arquitectura e Infancia, chegados de China, Hawai ou Xapón, que celebran unha das súas sesións anuais no marco de Ludantia. 

Os encontros de Ludantia celebraranse na súa totalidade no Pazo da Cultura de Pontevedra ata o sábado 12, aínda que algunhas actividades continuarán ata o 17 de xuño. É un evento aberto a centros educativos, profesionais da educación, artistas, organizacións gobernamentais ou municipais, organizacións sen ánimo de lucro e persoas ou colectivos independentes de todo o mundo interesados na educación do medio construído (arquitectura e territorio). Nesta primeira edición participarán máis de 190 profesionais de 29 países diferentes de Europa, Asia e América, o que lle confire ao evento un público amplamente internacional. Nesta primeira xornada celebraranse conferencias con expertos de Colombia, Chile, Finlandia e Italia, de gran experiencia na cuestión da cidade, educación en arquitectura e espazo público, ademais de seminarios e exposicións.

Antonio Maroño agradeceu o esforzo do comité organizador e de todas as persoas activas no eido da educación con arquitectura involucradas en Ludantia, un evento que –sinalou– tivo desde os seus inicios o apoio do Colexio de Arquitectos de Galicia, “desde onde asumimos con entusiasmo a súa organización”,  e o financiamento das Administracións Públicas.

“En todo o mundo as actividades educativas tentan darlle aos nenos ferramentas para vivir, entender, interpretar e, logo, cambiar a súa contorna. O esforzo de traballar cos máis pequenos é o esforzo de traballar facendo futuro” –manifestou Maroño–. Pero destacou que tamén debe ser un esforzo sostido e animado polas Administracións Públicas, que segundo a Declaración de Davos, asinada en xaneiro deste ano polos ministros de Cultura de moitos países da Unión Europea, teñen un papel destacado ao redor da arquitectura, conferíndolle “a importancia que cómpre dar á paisaxe e á contorna construída, tal como expresa a declaración co termo alemán baukultur: a cultura do edificado, urbanizado, antropizado, co fin de mellorar e aproveitar o legado das vilas e cidades europeas.

Nesta liña, o decano lembrou que o COAG leva 18 anos traballando nesta materia da educación en arquitectura a través do Proxectoterra, un proxecto de cooperación educativo, dirixido ás distintas etapas da Educación Obrigatoria, co fin de contribuír a mellorar a formación que os escolares galegos deben ter sobre as xentes, os espazos e os lugares habitables. A iniciativa, que conta co compromiso institucional da Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, recibiu en 2010 o Premio Nacional de Urbanismo e o Premio da Crítica de Galicia en 2011.

O xogo, a actividade máis importante para o desenvolvemento cognitivo e social dos nenos 

O programa da bienal comezou co prestixioso pedagogo italiano Francesco Tonucci, que mantivo un diálogo, titulado “Pontevedra é boa vila”, co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. No encontro, ambos conferenciantes destacaron o labor da cidade de Pontevedra como exemplo de relación amable coa infancia e seguidora do modelo urbano proposto por Tonucci no seu libro “La ciudad de los niños”. Esta obra é un compendio de observacións e reflexións sobre a cidade actual, criticando principalmente a exclusión dos nenos da vida social urbana e, por consecuencia, do seu planeamento.

Nesta mesma liña, Tonucci explicou que actualmente os nenos e nenas desenvolven a súa xornada –colexio, deberes, actividades deportivas, artísticas ou clases de idiomas– en espazos interiores en presencia e baixo o control de adultos, sen tempo libre para xogar e o pouco que lles queda dedícanllo á televisión, ordenador ou ao móbil.  “Hoxe a experiencia do fóra está practicamente desaparecida e a perda da autonomía de movemento impide o xogo, que é a actividade máis importante para o desenvolvemento cognitivo e social” –destacou–.

Segundo o pedagogo, esta perda de autonomía provoca que os rapaces non descargan a enerxía física necesaria, polo que se crean condicións favorables para a aparición da obesidade infantil e os trastornos de atención, ademais de outros dramas da adolescencia como o bullying, o consumo precoz de alcohol e estupefacientes, os accidentes de tráfico e ata o suicidio xuvenil. “É necesario devolver aos nenos a posibilidade de saír sós para xogar fora e xuntos” –asegurou–.

Continuando co seu discurso, Tonucci indicou que aínda que a crenza popular asegura que a cidade boa é aquela que ofrece moito aos cidadáns, ao seu parecer unha urbe boa é aquela que “permite” moitos aos seus veciños e que lles deixa espazos e posibilidades. “Unha cidade é boa cando, antes de preocuparse en crear un sistema eficiente de transporte público, se centra en crear as mellores condicións para que cada cidadán se mova fácil e placidamente cos seus propios medios, a pé ou en bicicleta” –sinalou–.

O reto de Pontevedra: escoitar aos nenos 

Pontevedra forma parte da rede internacional “La ciudad de las niñas y los niños”, y como indicou Tonucci é a que interpretou con máis coherencia o obxecto de cambio radical das características urbanas da cidade para devolver aos seus cidadáns a posibilidade de vivir autonomamente as súas propias necesidades. Pero Tonucci sinalou que agora a cidade de Pontevedra ten como meta “abrir o espazo para escoitar directamente aos seus cidadáns máis pequenos”, permitíndolles a participación no goberno da cidade. “Escoitando e tendo en conta as necesidades dos nenos modificaranse substancialmente os espazos de xogo, identificándoos como espazos públicos, e revisaranse de novo os tempos da vida infantil e a súa relación cos adultos” –sentenciou–. 

31 espazos construídos en Colombia

Ludantia nace para visibilizar e potenciar os proxectos que abordan infancia, arquitectura e educación, concretamente para saber que queren nenas e nenos dos espazos públicos en distintas partes do mundo, para mostrar a capacidade transformadora da infancia, para entender a relación entre educación e participación, para facer que as cidades sexan mellores escenarios para os máis pequenos e para aprender metodoloxías e procesos.

O tema desta primeira Bienal é “Habitar desde o lúdico: do patio escolar á cidade como taboeiro de xogo”, é dicir, o espazo público como construción de accións libres e o xogo como estratexia de adaptación ao medio. E nesta ocasión, Colombia será o país invitado, ao ser un interesante exemplo de educación en arquitectura para a infancia e a mocidade en diversos escenarios sociais e culturais. 

Olga Lucía Olaya, unha das mellores especialistas en educación de arte para a infancia e mocidade de Colombia, ofreceu unha conferencia sobre “O dereito a comprender o espazo desde a nenez”, analizando 31 espazos construídos a partir da reflexión e a comprensión da incidencia do espazo na atención e a educación integral da nenez en Colombia.

Comentou as iniciativas postas en marcha no seu país relacionadas con procesos de ensinanza e aprendizaxe a partir de doce escenarios de formación; os retos da arquitectura escolar nos últimos cinco anos con catro proxectos de gran visibilidade; creación de espazos de interacción lúdico-creativa para a primeira infancia; e a mobilidade nos espazos de cidade como rutas que constrúe a cidadanía, sentido de pertenza e apropiación desde a exploración do territorio. 

O colexio Sanjurjo Carricarte da Coruña gaña un dos premios ao mellor proxecto educativo 

Ademais, Ludantia celebrou unha conferencia cos representantes dos tres proxectos educativos gañadores, pola súa innovación e calidade, que comentaron a súa experiencia na bienal.

  • “La ciudad comestible. Arquitectives”, de Baleares: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional/la-ciudad-comestible. O proxecto, que se desenvolveu no outono de 2016, propón unha experiencia encamiñada a introducir, de forma lúdica e sinxela, conceptos como resiliencia, ecodeseño, permacultura, biomímesis, agroecoloxía urbana, economía circular, consumo colaborativo, etc. O seu obxecto foi reflexionar sobre a situación actual da contorna construída e natural, buscar estratexias para melloralo e facer propostas encamiñadas ao análise conxunto do territorio da illa de Mallorca. Participaron 300 escolares de 11 e 12 anos de cinco centros educativos da comunidade balear.
  • “O noso patio. CEIP Sanjurjo Carricarte”, da Coruña: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional/o-noso-patio. O proxecto “O noso patio” do CEIP Sanjurjo de Carricarte de A Coruña comezou no curso 2015-2016 co obxecto de transformar o espazo do patio baseándose en tres eixos: un patio verde, un patio inclusivo e un patio para xogar. Contou con 275 participantes con nenos de 3 6 anos.
  • “Escalera de la quinta calle. Colectivo Surgente”, de Caracas: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional/la-escalera-de-la-quinta-calle. O proxecto realizouse na escaleira do barrio de San Agustín do Sur. Marín en Caracas. Un total de 40 participantes de entre 5 e 13 anos participaron nun taller, en horario extraescolar, para pintar un mural nestas escaleiras desde abril a maio de 2017. 

–WEB DE LUDANTIA: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional