Mestre de obras de San Domingos de Bonaval, foi o derradeiro arquitecto barroco de Compostela, con gran capacidade para intervir en edificios históricos sen xerar resultados traumáticos
O libro preséntao esta tarde o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, ás 20:00 horas na Fundación Torrente Ballester
O Consorcio e a Universidade de Santiago acaban de publicar o libro Fray Manuel de los Mártires, maestro de obras de San Domingos de Bonaval, da historiadora Paula Pita Galán, que recolle a traxectoria do arquitecto dominico en Compostela. Preséntase esta tarde na Fundación Torrente Ballester, ás 20:00 horas. No acto estarán, ademais da autora, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; a xerente do organismo interadministrativo, Belén Hernández; o vicerreitor de Oferta Docente da USC, Roberto López; o director de Publicacións da USC, Juan Blanco; e o responsable de Publicacións do Consorcio, Juan Conde.
Esta publicación mostra os resultados da investigación realizada por Paula Pita, licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago, como parte do seu proxecto de tese de doutoramento, centrada nos frades arquitectos do século XVIII en Galicia. Frei Manuel de los Mártires (1734ca.-1772), mestre de obras de San Domingos de Bonaval, foi un dos arquitectos máis relevantes de cantos traballaron na cidade de Santiago de Compostela no segundo terzo do século XVIII. “Contemporáneo de Lucas Ferro Caaveiro e de Clemente Fernández Sarela, e, como eles, sucesor de Fernando de Casas y Novoa e de Simón Rodríguez á fronte das grandes fábricas compostelás, a súa figura quedou nun segundo plano, oculta en parte pola falta de información sobre a súa vida e dalgúns dos seus traballos” -salienta a historiadora-.
Tal como explica o profesor Miguel Taín no prólogo do libro, “os mosteiros e conventos captaban a xoves mestres de obras e canteiros, algúns deles con certa instrución en arquitectura. Así se construíron, mantiveron e prosperaron as propiedades da Igrexa galega durante séculos. Só algúns destes frades arquitectos sobresaíron no exercicio do seu oficio, sendo chamados por outras comunidades, institucións e particulares para a construción de edificios que logo pasaron á historia da arquitectura pola súa monumentalidade, modernidade, sensibilidade e, nalgúns casos, orixinalidade do deseño. É o caso de Frei Manuel de los Mártires”.
A perda do arquivo do convento de San Domingos de Bonaval dificulta o estudo da vida e da obra do frade
Frei Manuel de los Mártires foi o arquitecto dominico do convento de San Domingos de Bonaval, formado no cenobio e responsable do mantemento e renovación da extensa fábrica do mesmo, así como do patrimonio que poseía a cidade e a rexión, hoxe de moi difícil identificación pola perda do arquivo conventual.
Paula Pita dedicou máis dunha década a escudriñar arquivos e bibliotecas, buscando pegadas do traballo do arquitecto. Nesta monografía faise un percorrido pola familia do frade, a súa formación compostelá, os seus libros e posibles lecturas, a súa linguaxe artística e construtiva, a súa relación con colegas de oficio e o rango da súa clientela.
A publicación fai un percorrido por todas as súas obras na cidade e mesmo noutros puntos de Galicia como a capela do Pazo de Oca, a igrexa de Santiago de Pontedeume ou a dos dominicos da Coruña. E a autora remata analizando o quefacer do arquitecto como perito tanto en litixios xudiciais -como o acontecido entre o cabido e o párroco da Corticela- como en supervisións de proxectos e obras emprendidas por compañeiros de profesión.
Un arquitecto cunha gran liberdade creadora
A historiadora sinala que “co seu falecemento extinguiuse a última xeración de arquitectos barrocos asentados en Compostela. Home de orixes incertas, a eclosión profesional deste dominico chegou de maneira tardía, cando mediaba a trintena, circunstancia que non mermou a súa capacidade para gozar dunha traxectoria profesional notable no foco compostelán durante case catro décadas. Aínda que o seu despegue como arquitecto deuse ao amparo da Orde de Santo Domingo, axiña chamou a atención de importantes mecenas particulares e das principais institucións de Compostela como o cabido catedralicio, o Concello ou a Universidade”.
Paula Pita salienta que a maior virtude como tracista de Frei Manuel de los Mártires residía na súa liberdade creadora e na permeabilidade que amosou respecto á tradición barroca galega. “O seu estilo persoal permitiulle resolver de maneira harmónica importantes intervencións en edificios xa construídos. Os patios traseiros do Hospital Real (hoxe Hostal dos Reis Católicos), a construción de partes do convento de Belvís ou da igrexa de Pontedeume son bos exemplos da súa capacidade para intervir en edificios históricos sen xerar resultados traumáticos” -indica-. O arquitecto demostrou ademais unha gran capacidade para abordar obras de entidade con baixo presuposto, como as casas dos cóengos da Colexiata de Sar.
Ao final da súa vida tivo que adaptar os seus traballos aos novos postulados artísticos, limpando as súas obras do exceso ornamental como a igrexa dos dominicos da Coruña e a que puido ser a súa derradeira creación, a escaleira da igrexa de San Martiño Pinario.