Investigadores galegos promoven itinerarios polo patrimonio medieval galego para comprender o noso pasado medieval e contribuír ao turismo cultural

Están a desenvolver un proxecto centrado na posta en valor da riqueza medieval que existe en Galicia

A Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares promove ao longo do ano unha serie de itinerarios polo patrimonio cultural medieval do noroeste peninsular. Nestas experiencias participan investigadores e grupos que integran esta Rede, xunto a alumnos do Máster e do Programa de Doutoramento en Estudos Medievais da Universidade de Santiago, coa finalidade de mellorar a formación dos seus membros.

Froito deste traballo, a Rede está a desenvolver un proxecto de mapeado que pretende a posta en valor da riqueza patrimonial medieval que atesoura a comunidade galega. “Combínase a información teórica coa representación cartográfica e aspira a ser un recurso de utilidade para o público en xeral, que facilite a promoción dun turismo cultural sostible e de calidade, e que proximamente estará dispoñible no sitio web http://www.usc.es/estmedin” -explica o investigador Javier Castiñeiras López-.

O coordinador destas rutas é o grupo de traballo Visitas culturais e formativas por distintas zonas de Galicia. Seleccionaron unha relación de bens culturais de especial relevancia para comprender o pasado medieval do territorio galego e a súa contorna. Cada un dos destinos elixiuse atendendo aos criterios de interdisciplinariedade que caracterizan á Rede. Nesta liña, cada ruta que se realiza contén aspectos de interese para os ámbitos da Filoloxía, a Historia e a Historia da Arte.

As derradeiras destas viaxes formativas realizáronse ao patrimonio medieval dos concellos lucenses de Meira, Mondoñedo e Foz, xunto a diversas vilas de Portugal. Na diócese de Mondoñedo os investigadores achegáronse ao mosteiro cisterciense de Meira e á catedral de Mondoñedo. Nesta última, ademais do percorrido polo monumento, os participantes centraron a súa atención na biblioteca do seminario, onde puideron coñecer as súas coleccións da man de Félix Villares Mouteira, delegado diocesano de Patrimonio. En Foz visitaron a antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo, “unha das máis interesantes mostras do primeiro románico no noroeste da Península Ibérica”.

Ademais, os investigadores da Rede de Estudos Medievais realizaron unha viaxe a Portugal, onde visitaron espazos relevantes das localidades de Coímbra, Batalha, Alcobaça e Tomar. Na cidade universitaria de Coímbra percorreron a Sé Velha e as ruínas do convento de Santa Clara a Velha. Logo detivéronse no mosteiro da vila de Alcobaça, “unha das máis notables construcións da arquitectura do Císter no sur de Europa”. E a etapa final deste itinerario remataba nos mosteiros de Batalha e Tomar, monumentos fundamentais dentro da identidade nacional portuguesa.

A seguinte actividade que a Rede levará a cabo no marco destes itinerarios culturais será no mes de xuño, cunha viaxe ao patrimonio medieval da península do Salnés.