Expón 40 obras das últimas catro décadas, desde debuxos dos anos 80 ata pezas da súa última serie
Inaugurarase o luns, día 7, ás 20:00 horas
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AEPIT) inaugurará o luns, día 7, a exposición do escultor artista César Lombera. O acto será ás 20:00 horas no Centro Empresarial do Tambre, e contará coa asistencia do propio artista e do comisario da exposición e membro da xunta directiva da asociación empresarial, Manuel Nieto. A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 25 de maio.
A mostra reunirá a obra máis representativa das últimas catro décadas de César Lombera Moret (Barakaldo. Bizkaia, 1953). Cursou estudos de Ciencias Económicas (1971-73) na USC e de Artes Plásticas na Universidade Vincennes, en Francia. Na actualidade vive e traballa entre Catoira e Santiago de Compostela. Moi recoñecido en Compostela, o escultor César Lombera é autor da estatua das Marías, situada na entrada da Alameda, e da escultura de Valle-Inclán sentado nun banco do paseo da Ferradura da Alameda, dous exemplos claros da estética Pop ou Neo-pop que foron obxecto de traballo de Lombera e que están presentes na exposición a través de maquetas da súa colección persoal.
Expoñeranse unhas 40 creacións, desde a obra máis actualizada do escultor, con pezas da serie actual na que está a traballar o artista, ata debuxos de principios dos anos 80. Amosaranse debuxos orixinais, creados como bosquexos nos que se inspiraba o escultor para finalmente dar forma as súas obras, ademais de pezas da serie actual “Estruturas orgánicas”, esculturas realizadas en madeira ou conglomerado de madeira en policromía cunha alta carga de estilo expresionista.
Tamén se poderán ver obras da serie “Arquitectura mínima na paisaxe”, unha práctica en pequenos modelos que Lombera fai con ironía e que espera construír a grande escala nun futuro, feitas en aceiro corten ou ferro oxidado. E ademais, na mostra poderanse ver a súas coloridas e sorprendentes creacións de motivos mariños, da serie “Superficies mariñas”. Vinculado á ría de Arousa, o escultor recrea nestas pezas un xogo conceptual entre o mundo da superficie e o submarino.
Manuel Nieto explica que a obra de Lombera é moi “colorista, festiva, pero sincera e de firmes formulacións”, con propostas fáciles de entender, cun toque irónico e non exentas de certa contención. “Aplica unha calculada teatralidade as súas obras, o que as engrandece e as fai máis amables” –destaca–.