Gabriel Blanco, líder da banda: “As sesións vermú de antes, que volven ter auxe nos locais aínda que perderon forza nas festas, fan que a xente se reúna a escoitar e ver facer música, a falar cos músicos, a compartir experiencias e a celebrar o día”
O balneario Termas de Cuntis celebrará este domingo, día 6, unha sesión vermú co grupo Plan Sibera, ás 12:30 horas. A banda, liderada polo músico Gabriel Blanco, interpretará temas do seu último traballo “Volboretei” e un remix de discos anteriores, con letras en castelán e en galego e algunha versión polo medio para ofrecer ao público un concerto divertido e distendido no hotel A Virxe.
O compositor estradense estará acompañado nesta actuación polos cuntienses Xurxo Aboy na batería e Abraham Sande ao baixo. Gabriel Blanco explica que optaron pola sesión vermú pola comodidade e proximidade co público que aporta este formato tradicional. “As sesións vermú de antes, que volven ter auxe nos locais aínda que perderon forza nas festas, fan que a xente se reúna a escoitar e ver facer música, a falar cos músicos, a compartir experiencias e a celebrar o día” –destaca–.
Ademais, Gabriel Blanco considera que, ao ser un grupo da comarca, esta experiencia será “única e gratificante” porque poderán coñecer de primeira man como viven os veciños de Cuntis e que hai ao seu arredor. “Poderemos achegar a nosa música aos cativos para que o día de mañá teñan o costume de escoitar, ver ou e sentir a música” –sinala–.
A banda escolleu tamén Termas de Cuntis para presentar o pasado mes de outubro o seu último traballo, “Volboretei”. O disco é unha interesante mestura de sons que van desde o pop dos anos 80 ata a música tradicional, mesturando figuras como alalás ou ritmos de rumba e muiñeira contemporanizados con acentos pop-surf e cunhas letras repletas de sentidos. “O disco componse de oito cancións que falan das amizades, da morriña, da terra, da lingua, das relacións humanas, de todos os sentimentos que tiven ao estar fóra da casa e espertaba pensando en Galicia, e me deitaba pola noite soñando tamén con ela” –destaca Gabriel Blanco–. O traballo discográfico foi apoiado por 66 micromecenas mediante unha campaña de crowfunding na que se conseguiu recadar 2.000 euros para sacar adiante o proxecto.
Gabriel Blanco naceu en Pontevedra no 1986. Comezou os seus estudos musicais no conservatorio da Estrada. Mudouse a Madrid a estudar Arte Dramático e foi mestre de teatro na capital e actor en series como “MIR” (Telecinco) e “Toledo” (Antena 3), ademais de ser considerado actor revelación no Talent Madrid (Teatros do Canal de Isabel II). Nesta faceta interpretativa, Gabriel recibiu unha mención especial da Real Academia das Artes Cinematográficas polo seu traballo xunto ao actor internacional William Miller.
Despois do seu periplo interpretativo, comezou a moverse como cantautor polo circuíto “La noche en Vivo”, actuando en salas como Búho Real, Libertad 8, Zanzibar, Galileo ou Caracol, e decidiu volver a Galicia decidido a pegarlle un empurrón a súa carreira musical. Xa ten demostrado claramente as súas habilidades como cantante e compositor, cun amplo rexistro que lle permite enriquecer as súas cancións dándolles un ritmo característico e converténdoas no que son, historias con solidez. A súa versátil forma de cantar e a súa obsesión polos sentidos son marca da casa e fían o debut da súa nova aventura con “Volboretei”.
En 2014 saíu á luz o seu primeiro traballo profesional, “Atletas del corazón”, disco baseado nas seis emocións básicas do ser humano, e gravado nos estudos T-108 coa colaboración de músicos como Thomas Thirta de Undrop/Marlango/Macaco e Mr. Kilombo. Tras estes anos de duro traballo, a recompensa vai chegando a modo de recoñecementos, como ser finalista no Santiautor 2014, semifinalista no Vodafone Yu Music Talent 2015 e no Sonomusic 2015, ademais de gañar o certame da Canción do Verán 2017 de TVG co tema “Xunto a ti”.