Usarán diferentes elementos materiais para experimentar as súas posibilidades plásticas e establecer relacións coa arquitectura
Os talleres “Xogo Libre!” e “Ven ao Teucro! Camiña, mira e crea a túa obra” son actividades incluídas no programa “Xogo na Rúa” da bienal internacional Ludantia de educación en arquitectura que se celebrará en Pontevedra do 10 de maio ao 17 de xuño
O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) organiza este sábado, 5 de maio, dous obradoiros gratuítos e simultáneos en Pontevedra para nenos e nenas maiores de catro anos. Os obradoiros son actividades incluídas no programa “Xogo na Rúa” da I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e Mocidade (Ludantia) que se celebrará en Pontevedra do 10 de maio ao 17 de xuño, organizada polo Colexio de Arquitectos de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia (a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística- APLU), a Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontevedra.
O taller “Xogo libre!”, impartido polo colectivo Taller Aberto, está destinado a fomentar o uso e condición da rúa como lugar para a transformación do espazo e a creación infantil. Os máis pequenos terán varias áreas demarcadas para o xogo libre e estruturado, baseado na transformación de pezas pequenas que se converten en algo máis grande, mediante formas xeométricas diversas. Disporán de diferentes elementos materiais para experimentar as súas posibilidades plásticas e a súa continuidade como parte do xogo simbólico. Celebrarase na Praza da Ferrería (nos soportais en caso de chuvia), entre as 11:00 e as 14:00 horas (Máis información: http://tallerabierto.info/).
O segundo obradoiro celebrarase tamén entre as 11:00 e as 14:00 horas na Praza do Teucro (en caso de chuvia farase nos soportais ou no estudio da Asociación Paspallás, situado nun edificio fronte á praza). Baixo o título “Ven ao Teucro! Camiña, mira e crea a túa obra”, o obradoiro ten un carácter dinámico, experimental e creativo. Os nenos e as nenas realizarán un xogo de coñecemento a través dun percorrido espacial, sensorial e histórico pola Praza do Teucro de Pontevedra, onde escollerán un lugar determinado da praza para crear unha proposta plástica (instalación ou intervención), interactuando cos distintos elementos que conforman este lugar. Empregarán materiais (caixas de cartón, xices, cintas adhesivas, marcos…) que faciliten as operacións básicas do maquetado: debuxar, demarcar, sinalizar, escalar, encadrar…
Os obxectivos da actividade, destinada a un máximo de vinte rapaces maiores de seis anos, é por en valor o camiñar, a mirada e o xogo como acto de creación artística; establecer relacións entre a creación plástica e a arquitectura; e fomentar o uso da cidade como un espazo de aprendizaxe a través do xogo.
Empregarase unha metodoloxía de traballo participativa e integradora onde os educadores – Román Corbato, Itziar Ezquieta, Asociación Socioeducativa e Cultural e Escola de Tempo Libre Paspallás– xogarán un papel de guía e apoio favorecendo o descubrimento das posibilidades plásticas do propio lugar. No caso de mal tempo, a proposta plástica baseada na instalación reformularase a través da elaboración dunha maqueta-debuxo combinando o bidimensional co tridimensional.
Web Ludantia: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional