Cuntis reunirá esta fin de semana a máis de douscentos amantes das dúas rodas

A peña local Pinotes Racing organiza a terceira edición desta concentración moteira, que este ano contará cunha exhibición acrobática a cargo do piloto de Poio Miguel Corredoira 

Rutas pola zona, xogos populares ou unha cea na carpa do balneario Termas de Cuntis conforman o programa da xuntanza 

A peña Pinotes Racing, que naceu en 2011 e actualmente está integrada por dezasete moteiros, organiza a III Concentración Moteira de Cuntis esta fin de semana, que contará cunha participación de duascentas motos, segundo a organización. Rutas pola zona o sábado pola tarde e o domingo pola mañá, xogos populares con premios e unha cea a noite do sábado na carpa do balneario Termas de Cuntis, que patrocina a xuntanza, compoñen o programa social e deportivo da concentración.

O presidente da peña Pinotes Racing, Pablo Durán, explica que o percorrido do sábado, que comezará ás 17:00 horas, transcorrerá por Moraña, Barro, con parada para tomar uns pinchos nos muíños da Barosa, para despois seguir por Caldas de Reis, San Clemente e volver a Cuntis. O domingo a ruta iniciarase ás 11:00 horas e será por Moraña, Santa Xusta, Cequeril, Montillón e Arca, para finalmente regresar a Cuntis onde todos os participantes se reunirán no bar O Paseo para celebrar o fin da concentración vendo a carreira de Moto GP de Xerez.

Ademais, o sábado celebrarase un stunt ou exhibición de acrobacias con motocicleta, a cargo do mozo de Poio Miguel Corredoira, un dos poucos pilotos españois que se dedican profesionalmente a esta disciplina. A demostración será ás 19:30 horas nas proximidades do Pavillón Municipal de Cuntis. De seguido, a xornada continuará cunha cea de fraternidade na carpa do balneario Termas de Cuntis, e a posterior festa amenizada por Troula Espectáculos e na que se calcula que participarán unhas 500 persoas.

Deportivas, choppers, vespas, ciclomotores, custom e todo tipo de modelos crearán un ambiente magnífico na localidade termal. “Admítese a participación de todo tipo de motos, marcas e modelos, e a inscrición estará aberta ata o propio sábado pola mañá. Coas boas previsións meteorolóxicas auguramos unha gran fin de semana moteira” –destaca Durán. Toda a información estará  dispoñible no facebook de Pinotes Racing: https://www.facebook.com/pinotes.racing.