Combinarase a información cultural e histórica co humor, a través dun guía caracterizado como un dos personaxes da novela de Pérez Lugín, que vencellará os lugares que se visiten coa trama do libro
O Museo Casa de la Troya inicia este venres, 4 de maio, a súa temporada de verán. O museo, que está pechado nos meses de inverno, reabrirá de novo as súas portas, e poderá visitarse todos os venres e sábados, dente esta semana ata mediados de xullo, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas (os venres prolóngase ata as 22:00 horas), acompañados das explicacións das guías do museo. E dende mediados de xullo ata principios de setembro abrirá no seu horario habitual de verán, durante toda a semana e pechando os domingos e os luns.
Este venres o Museo Casa de la Troya inicia de novo a actividade dos Venres Troyanos, que se poñía en marcha o ano pasado con grande éxito entre público de todas as idades e agora vaise desenvolver todos os venres de maio e xuño. “Trátase de roteiros culturais teatralizados por diferentes rúas e prazas do centro histórico de Compostela, seguidos dunha visita ao museo, co fin de contextualizalo no marco da cidade e do seu tempo” -explica Benigno Amor, presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo-.
Dous roteiros gratuítos, o 18 de maio e o 1 de xuño
Estes roteiros dramatizados pola cidade histórica, realizados en colaboración co Concello de Santiago, partirán dende a praza do Toural. A duración aproximada do percorrido e da visita ao museo será de unha hora e media, dende as 20:30 ata as 22:00 horas. O número máximo de participantes por cada visita será de 15 e ten un custo de 1 € por persoa. A inscrición pódese facer chamando ao museo (981 585 159). Haberá dous roteiros gratuítos, sen visita ao museo: o 18 de maio, con motivo do Día Mundial dos Museos, realizarase unha ruta cantada, partindo da estatua de Rosalía de Castro na Alameda; e o 1 de xuño, coincidindo coa celebración da Semana do Libro de Compostela, o percorrido sairá da Casa de la Troya.
Nesta actividade búscase combinar a información cultural e histórica co humor. O guía caracterizarase como un personaxe da novela La casa de la Troya de Alejandro Pérez Lugín, que ademais vencellará os lugares que se visiten coa trama do libro. Trátase de Suso Martínez, historiador, guía turístico, divulgador e actor especializado na historia de Galicia, que leva máis dunha década realizando visitas guiadas dramatizadas. Fará a ruta caracterizado como o personaxe de Barcala, que “representa ao estudante troiano” -tal como indican dende o museo-.