Tomando a cidade como un “taboleiro de xogo”, os máis pequenos transformarán temporalmente espazos públicos
O taller “A cidade do mañá”, dirixido pola arquitecta Sandra González, é unha actividade da bienal internacional Ludantia de educación en arquitectura que se celebrará en Pontevedra do 10 de maio ao 17 de xuño
O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) organiza o domingo, día 29, un obradoiro na rúa para nenos e nenas de tres a doce anos na Praza Maior de Lugo, entre as 11:00 e as 14:00 horas. O taller é unha actividade incluída no programa “Xogo na Rúa” da I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e Mocidade (Ludantia) que se celebrará en Pontevedra do 10 de maio ao 17 de xuño, organizada polo Colexio de Arquitectos de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia (a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística- APLU), a Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontevedra.
O obradoiro, titulado “A cidade do mañá” e dirixido pola arquitecta Sandra González, ten por obxecto incluír á infancia e adolescencia nos procesos de construción do espazo común, dotándolles das ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade desde a arte e a arquitectura, co fin de provocar o espertar dunha nova mirada dos espazos nos que habitan. Búscase estimular unha actitude crítica para que comecen o seu desenvolvemento como unha cidadanía activa, pois eles serán os responsables da cidade do futuro. Todos estes aspectos expoñeranse desde o xogo e o gozar como ferramentas fundamentais nestas idades, entendendo a “cidade como un taboleiro de xogo”.
Así, a actividade propón a transformación temporal dos espazos públicos da cidade, realizada por nenos e adolescentes que traballarán en todas as escalas do común: arquitectura, patrimonio, urbanismo e paisaxe. O obxecto é que adquiran un maior coñecemento da cidade na que habitan, unha apropiación de espazos que lles son vetados a diario, o movemento con liberdade nas prazas, empoderamento espacial xunto con outros nenos favorecendo a súa convivencia, unha valoración do lugar a través dunha nova mirada, facerlles responsables da contorna, e demostrarlles a súa capacidade transformadora.
Web Ludantia: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional