Realizarán un traballo individual para reflexionar sobre o habitar e construcións creativas en equipo con teas, cartóns, cordas, xices ou papeis
O taller “Ambientes e Sentidos”, dirixido polo colectivo Re Creo, é unha actividade englobada na bienal internacional Ludantia de educación en arquitectura que se celebrará en Pontevedra do 10 de maio ao 1 de xuño
O Colexio de Arquitectos de Galicia organiza esta fin de semana en Ourense dous obradoiros familiares na rúa para nenos e nenas de dous a catorce anos, dirixidos polo colectivo Re Creo. O taller “Ambientes e Sentidos” é unha actividade englobada na I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e Mocidade (Ludantia) que se celebrará en Pontevedra do 10 de maio ao 17 de xuño, organizada polo Colexio de Arquitectos de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia (a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística- APLU), a Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontevedra.
Os obradoiros son gratuítos e desenvolveranse o sábado-28, en horario de 17:00 a 19:00 horas, no Liceo, e o domingo-29, en horario de 11:30 a 13:30 horas, no estanque dos patos do Campus de Ourense. A arquitecta e directora dos talleres, Marta Somoza, explica que o proxecto propón dotar aos nenos e nenas de ferramentas para analizar un espazo de xogo, exploralo, pensar o seu ambiente e transformalo temporalmente con instalacións efémeras.
Os rapaces participantes examinarán as formas, superficies e bordes do espazo, expresarán a cuestión do habitar cun traballo individual a modo de collague, debuxo, mural ou maqueta, e traballarán en equipo para realizar unha construción creativa que modifique o lugar, empregando teas, cartóns, cordas, xices ou papeis. O taller finalizará con xogos que usan e se apropian do lugar transformado.
Marta Somoza sinala que os contidos dos talleres xiran ao redor de tres temas: tempos, atmosferas e límites. Na cuestión dos tempos pártese dunha reflexión dos diferentes tempos concentrados no lugar: o presente do espectador, a biografía do lugar, a repetición e os ciclos. O tema atmosferas trata o ambiente que percibimos cos sentidos, no que a presenza dos obxectos ao redor xeran sensacións múltiples que se len de xeito simultáneo e intuitivo. E no apartado de límites reflexiónase sobre as fronteiras e os limiares. Estes contidos están deseñados para que os nenos e nenas poidan asistir a un deles ou aos dous talleres.
Máis información sobre a Bienal Ludantia Bienal: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional