Como homenaxe aos que fixeron posible a revista “Obradoiro” entre 1978 e 2012, xorde esta edición dixital que abre novas vías de difusión coa profesión e a sociedade
O primeiro número presenta as obras gañadoras e finalistas das últimas dúas edicións dos Premios COAG
O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) presentou hoxe a publicación de arquitectura “Obradoiro Dixital”, o medio de expresión, reflexión e cultura da institución onde se difunden temas de arquitectura, urbanismo, construción e medio ambiente co obxecto de achegar a información a todos os arquitectos e á sociedade galega. No acto, que se celebrou na Delegación coruñesa do Colexio, estiveron presenten o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño; o vogal da Xunta de Goberno, responsable da Comisión de Cultura e Publicacións do Colexio de Arquitectos de Galicia, Cristóbal Crespo; e o deseñador Xosé Salgado.
Esta publicación dixital é un novo instrumento, cunha linguaxe para un tempo novo, homenaxe aos que fixeron posible a revista “Obradoiro”, editada en papel polo Colexio de Arquitectos de Galicia desde 1978 a 2012 e da que se publicaron 34 números. No seu primeiro número [Marzo/ 2018: http://www.obradoirodixital.gal] recóllense as obras premiadas e finalistas das dúas últimas edicións dos Premios COAG (edición XV e XVI), con información da memoria dos proxectos, fotografías e planos, ademais dun mapa de Galicia localizador das edificacións. A publicación inclúe tamén unha sección de históricos, onde se poden consultar os números impresos de “Obradoiro”.
As obras deste mostrario dos Premios COAG, que se presentaron a este certame de carácter bianual, foron finalizadas entre 2010 e 2014, en plena crise económica. Segundo o consello de redacción da revista –composto por Cristóbal Crespo, Xosé Manuel Rosales e Antonio S. del Río–, estas arquitecturas, que arrincan no principio dun novo milenio, serven para reivindicar a “enorme achega á cultura, dignidade, rigor e capacidade técnica, expresiva e propositiva duns profesionais galegos sistematicamente excluídos das grandes operación arquitectónicas que se xestionan en Galicia”.
Antonio Maroño explicou que, xa en pleno século XXI, a publicación non pode ser só impresa. “O papel das revistas de arquitectura mudou e o formato impreso, sen perder valor, vese complementado, e moitas veces substituído, por publicacións dixitais, co mesmo valor cultural e cunha miríade de posibilidades de relacións entre fontes diversas moi superiores” –sinalou–, engadindo ademais que este cambio ao dixital permite sumar aportacións de moitos arquitectos abrindo diversos camiños de difusión das súas obras.
Ademais, pódese seguir en Twitter, Facebook e Instagram (@ObradoiroDix)