Estudantes do Divino Maestro participan mañá nunha xornada emprendedora na Asociación Área Empresarial do Tambre

Asistirán a unha charla co empresario Manuel Nieto de DST Software e visitán a empresa Gamelsa 

Esta actividade forma parte do programa “Atrévete a ter unha idea”, posto en marcha coa Consellería de Educación a través do plan Eduemprende

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AEPIT) recibirá mañá venres, día 13, a visita dun grupo de XX alumnos e alumnas de 2º da ESO do Colexio Divino Maestro de Santiago de Compostela, ás 10:00 horas no seu Centro Empresarial do Tambre. Os estudantes serán recibidos por representantes da Asociación e manterán un encontro co empresario Manuel Nieto da empresa DST SOFTWARE que lles explicará en que consiste o emprendemento. A continuación, ás 11:00 horas, os escolares trasladaranse para visitar a empresa Gamelsa do grupo Televés.

Esta actividade forma parte da colaboración que a Asociación mantén coa Consellería de Educación desde 2014 co programa “Atrévete a ter unha idea”, destinado a fomentar o emprendemento entre os escolares de Educación Primaria e Secundaria e integrado no Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia (Eduemprende). Desenvólvense charlas sobre emprendemento e visitas a empresas asociadas os venres desde novembro de 2017 a maio de 2018. 

O programa consta de actividades de fomento do emprendemento para escolares de Primaria, dirixidas ao alumnado de 5º e 6º curso.  Visitarán o CIFP Politécnico de Santiago e asistirán a unha charla sobre os viveiros de empresas nos centros educativo e coñecerán de primeira man experiencias emprendedoras en Santiago. E o alumnado de Secundaria –de 1º e 2º da ESO– asistirán a xornadas como a que  vivirán os estudantes do Divino Maestro.

Concurso para buscar unha boa idea de negocio

Ademais, o programa inclúe o concurso “Atrévete a ter unha idea!”. Os alumnos e alumnas participantes nas actividades e xornadas poderán participar no certame entregando unha redacción sobre unha boa idea de negocio. O certame aceptará propostas ata o 25 de maio.

Premiaranse as dúas mellores ideas de 5° e 6° de Educación Primaria e de 1 ° e 2° de ESO, que recibirán dúas táboas dixitais en cada caso. Os resultados publicaranse a partir do 1 de xuño na páxina da Conselleria de Cultura (www.edu.xunta.es/fp) e na web da Asociación Área Empresarial do Tambre (www.poligonotambre.com).

Finalmente en xuño celebrarase un acto de clausura do programa ao que estarán invitados representantes do mundo da empresa e da Administración educativa, e farase entrega dos premios do concurso.