A Cámara de Santiago inicia o 16 de abril un programa de formación sobre Internet das Cousas para mozos e mozas menores de 30 anos

Celebrarase no viveiro de empresas de Costa Vella co cofinanciamento do Concello de Santiago e a Fundación Incyde a través do Fondo Social Europeo 

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela iniciará o vindeiro 16 de abril o programa “Constrúe o teu Futuro. Internet das Cousas (IOT) e Emprendemento”, organizado coa cofinanciación do Concello de Santiago e a Fundación Incyde a través do Fondo Social Europeo.A formación está destinada a mozos e mozas menores de 30 anos que nin estudian nin traballan, inscritos no Sistema Nacional de Garantía Juvenil, ben sexan emprendedores ou profesionais que desexen iniciarse no desenvolvemento da IOT, así como os interesados en ampliar e consolidar os seus coñecementos no campo da creatividade dixital.

O programa ten por obxecto ensinar os distintos modelos de negocio baseados e realizados baixo este paradigma, con especial atención aos sectores máis puxantes e considerar as novas solucións que comercializaron as StartUps no ámbito nacional e internacional. Sanidade, educación, industria, agrario, turismo, deporte ou entretemento son sectores que xa viron un beneficio na adopción de solucións integradas na Internet das Cousas, ecosistema dixital do que hoxe luns-9 se conmmeora o seu Día Internacional.

A formación explicará as tecnoloxías vinculadas á Internet das Cousas e que tipo de requisitos son básicos para construír un modelo de negocio analizando e realizando un estudo de mercado; dará a coñercer as ferramentas necesarias; e distinguirá casos de éxitos das empresas que xa triunfaron na IOT. Desenvolveranse conceptos de Big Data, uso de Apps e conceptos de ciberseguirdade e benchmarking.

O programa, no que poderán participar un máximo de 25 persoas, celebrarase ata o 25 de maio no viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago (Polígono de Costa Vella. Rúa República Checa nº 40. Santiago), luns e xoves en horario de 10:00 a 12:00 horas. Tamén inclúe titorías individuais entre o alumno e o consultor, sempre dentro do horario de apertura do viveiro de empresas (de 8:00 a 22:00 horas). As persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa Cámara de Comercio de Santiago (981596800; vivero@camaracompostela.com) ou consultar o programa completo e inscribirse na web www.camaracompostela.com).