Un investigador galego destaca o protagonismo das mulleres da realeza e da nobreza á hora de exercer o poder público na Galicia medieval

“O silencio, os tópicos e a falta de estudos específicos”, principais causantes que levaron a considerar que as mulleres deste período non gozaban de poder

A Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares está a promover o I Congreso Internacional “O Camiño do Medievalista”, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e o Cabido da Catedral de Santiago. Comezaba o pasado mércores no Paraninfo da USC -na Facultade de Xeografía e Historia- e clausurarase esta tarde. No transcurso deste evento, xoves investigadores procedentes de diferentes puntos de España, Europa e dos Estados Unidos están a dar a coñecer os resultados e avances dos seus estudos centrados na Idade Media.

A sociedade medieval, a pesar de ser androcéntrica, non negou as posibilidades das mulleres como axentes sociais activos en todos os niveis

No transcurso da xornada de hoxe abordouse, entre outros temas, as mulleres con poder na Galicia medieval. O investigador da Rede de Estudos Medievais Miguel García-Fernández deu a coñecer os casos de mulleres que aparecen como tenentes na documentación galega dos séculos XII e XIII fundamentalmente. Eran aquelas que exerceron o poder público ou o goberno dun determinado territorio por delegación ou encargo do rei.

“Os estudos realizados ata o momento dedícanse sobre todo a analizar as tenencias como concesións dos monarcas para conseguir a fidelidade e o apoio dos nobres máis importantes, coñecer cales foron as principais tenencias e onde se localizaban, ademais de identificar aos principais tenentes (homes) que aparecen preto do rei e que recibiron estes privilexios. Non obstante, son poucos os estudos centrados nas tenentes mulleres e ata que punto hai diferenzas entre as tenencias masculinas e as femininas” -explicou o investigador galego-.

O investigador salientou que as mulleres tamén exerceron como tenentes e que, por tanto, tiñan a potestade de impartir xustiza, recadar impostos ou organizar a defensa do territorio; o que lles outorgaba un gran poder económico e unha autoridade recoñecida en todo o territorio. E expuxo como ten influído “o silencio, os tópicos e a falta de estudos específicos á hora de considerar que as mulleres da plena Idade Media case non tiñan acceso ao exercicio do poder público. Fronte a esa xeneralidade, os estudos que estamos a realizar algúns investigadores dende a historia das mulleres están a demostrar que, a pesar de que as fontes foron escritas por homes e que estes son os que máis preto estiveron dos espazos públicos, as mulleres tamén aparecen tanto nas fontes como neses espazos que van máis alá do doméstico”.

A través deste estudo búscase dar a coñecer o papel das mulleres como axentes activos do poder no seo dunha sociedade medieval que, a pesar de ser androcéntrica, non negou as posibilidades das mulleres como axentes sociais activos en todos os niveis, tamén no que ao poder público se refire. Nesta liña, García-Fernández conclúe que “as mulleres da realeza e da nobreza accederon ao exercicio do poder público sobre o territorio galego en nome do rei, a pesar da tendencia maioritaria dos homes a ocupar os espazos do poder. E esta realidade revela as capacidades das mulleres para detentar esas cotas de poder na Idade Media, pois nada apunta a que as súas actuacións fosen neglixentes”.

A dificultade de estudar ás mulleres da Idade Media

Pola súa parte, a investigadora da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago Laura Camino Plaza abordou o tema Que podemos facer coas mulleres do pasado?, en referencia ao problema metodolóxico que supón chegar ás mulleres doutras épocas e, en particular, coñecer cal foi o seu papel na sociedade da Idade Media.

A investigadora asegura que no período medieval existiron comunidades de mulleres lectoras e tamén escritoras, feito que se pode rastrexar a partir de diversas testemuñas escritas. Non obstante, semella que co tempo estas voces foron silenciadas e cuestionadas. Tanto é así que parte da crítica actual segue a dubidar da veracidade das fontes escritas por mulleres medievais, asegurando que daquela as mulleres non tiñan esa capacidade. “A pesar destas circunstancias, e do carácter xeralmente androcéntrico da sociedade da Idade Media, coido que este puido ser un período histórico moito máis polifónico do que moitas veces se considera hoxe en día e, en consecuencia, non tan misóxino como se pensa, ou non só. Moitas das mulleres medievais que agora estudamos foron con toda seguridade voces recoñecidas no seu momento” -salientou-.

Na súa intervención, Camino reflexionou sobre cal é a posición das mulleres dentro dese pasado e, tamén, dentro da crítica a ese pasado. E puxo de manifesto “a necesidade de recuperar voces femininas da historia sen modulalas demasiado ao noso antollo, unha tarefa tan necesaria como complexa para toda persoa que se dedique á investigación; recuperalas sen xulgalas ata o punto de dubidar da súa propia existencia, sen masculinizalas ou infantilizalas, é outro deber que parte da crítica aínda ten pendente”.

Cos seus estudos a investigadora pretende, en primeiro lugar, identificar as dinámicas que a crítica empregou para cuestionar e silenciar ás mulleres que formaban parte da elite cultural da Francia e Inglaterra dos séculos XI e XII. E, por outro lado, busca reivindicar a necesidade, aínda vixente, de realizar estudos de xénero tamén volvendo a vista cara o pasado. “Os referentes femininos da historia común previa que recuperemos agora co noso traballo serán, de seguro, esperanza para as mulleres do futuro” -declarou-.