Unha investigadora galega defende o papel artístico das mulleres que acompañaban aos trobadores con cantos, música e danzas, fronte á visión misóxina que a literatura foi perpetuando
A Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares celebra o I Congreso Internacional “O Camiño do Medievalista”, en colaboración coa Universidade de Santiago e o Cabido da Catedral de Santiago. Comezaba esta mañá no Paraninfo da USC -na Facultade de Xeografía e Historia- e prolongarase ata este venres, 6 de abril.
O comité científico deste evento está composto por profesores das universidades de Santiago, Oviedo, Erlangen-Nuremberg (Alemaña), Nantes (Francia), The Courtauld Institute of Art (centro especializado na Historia da Arte da Universidade de Londres e unha das institucións punteiras neste campo) e da Universidade Estatal de Michigan (Estados Unidos). Participan ademais xoves investigadores das universidades de Vigo, Complutense de Madrid, Universitat de Barcelona, León, Salamanca, Zaragoza e Granada; xunto ás internacionais de Florencia, Siena, La Sapienza de Roma, Toulousse, Universidad Libre de Berlín e Porto.
Tal como salientan os organizadores, “trátase dun congreso de mozos, feito por mozos e para mozos. Pretende ser todo un laboratorio de novas e interesantes prácticas”. Nesta liña, ademais dos relatorios, celebraranse os denominados albergues de café, foros informais entre os xoves comunicantes e asistentes, realizados ao redor dunha mesa dun café, unha experiencia importada de Cambridge. E os participantes farán tamén visitas pola cidade histórica de Santiago, a catedral e o seu arquivo e biblioteca.
Durante o encontro abordaranse temas como a arte e a iconografía neste período, lingua e literatura, historia, cultura, sociedade, economía, territorio e poder, bibliotecas, fontes documentais, mulleres e minorías na Idade Media, así como as novas metodoloxías de estudo neste eido.
A figura das soldareiras
Un dos relatorios que se presentou esta mañá foi o da investigadora de Literatura Medieval da Universidade de Santiago Tania Vázquez García, quen afondou na figura das soldadeiras. Eran as mulleres que acompañaban aos trobadores con cantos, música e danzas. “Trátase dun dos axentes culturais máis controvertidos relacionados coa representación dos textos líricos galego-portugueses diante dun público, xa que nas cantigas de escarnio aparecen ridiculizadas polos seus vicios e costumes relaxados. Esta visión consolidouse nos estudos críticos clásicos e perpetuouse ata a actualidade” -indicou a investigadora-.
Estas mulleres protagonizaron ata 16 cantigas de escarnio galego-portuguesas
A investigadora explicou que o nome soldadeira procede do termo soldada, que denominaba o pagamento que percibían estas mulleres polo seu labor, podendo ser unha retribución económica ou máis posiblemente elementos materiais como alimentos, panos e roupa. “Unha soldadeira sería entón unha muller que traballaba a cambio dunha soldada. Non obstante, semella que a moral misóxina do momento confundiu as figuras que vendían a súa arte con aquelas que vendían o seu corpo, quizais pola condición de vida irregular que levaban en ambos os dous casos, de aí que se ridiculicen nas cantigas de escarnio e se destaquen as súas calidades negativas” -salientou-.
A investigadora analizou o emprego dos vocábulos soldada e soldadeira en obras literarias medievais en lingua vernácula de diferentes áreas lingüísticas (occitana, francesa, italiana, catalá e galego-portuguesa), representativas de cada un dos grandes xéneros, co fin de coñecer quen foron estas mulleres, que protagonizaron ata dezaseis cantigas de escarnio galego-portuguesas. E, en doce das dezaseis miniaturas do Cancioneiro de Ajuda, algunhas figuras femininas foron identificadas como soldadeiras. Segundo estudos previos, o número de cantigas do corpus lírico profano galego-portugués nas que se fai mención ás soldadeiras ascende a 43.
En todas estas cantigas existe unha descrición compartida por todas as soldadeiras que se caracteriza pola súa luxuria, a insaciabilidade e a promiscuidade, de modo que fai extensible o vocábulo soldadeira a aquelas figuras vilipendiadas por estes vicios. “Na nosa proposta coidamos máis rigoroso restrinxir o corpus exclusivamente a aquelas composicións nas que as protagonistas son denominadas explicitamente soldadeiras polos seus autores, un total de dezaseis” -apuntou-.
En ningún texto lírico galego-portugués se fai alusión ás actividades artísticas das soldadeiras, senón simplemente aos seus vicios
Tania Vázquez considera fundamental precisar cales eran as tarefas desempeñadas por estas mulleres, pois “en ningún texto lírico galego-portugués se fai alusión a esas actividades artísticas coas que tradicionalmente se relacionaron, senón simplemente aos seus vicios”. Nesta liña, manifestou que “de maneira paralela á participación nos espectáculos propios da actividade lírica, non podemos negar que puido existir un vínculo destas mulleres con oficios licenciosos, tal e como parecen facernos pensar as cantigas protagonizadas por estas figuras, nas que atopamos un prototipo xeral e estereotipado das mesmas”.
A investigadora da USC deixou patente que “aínda que algunhas contaran con poucos recursos e se visen obrigadas a exercer a prostitución, cremos que non debemos facer extensible esta referencia a todas as soldadeiras. Ben é ben sabido que as cantigas satíricas se serven da hipérbole como recurso estilístico recorrente e foron compostas nun contexto sociocultural e literario no que eran bastante habituais as descricións misóxinas e arquetípicas das mulleres cos tópicos referidos”.