“Quero espertar un sorriso no espectador”
A exposición, composta por vinte e dúas pinturas, inaugurarase esta tarde, ás 20:00 horas, e poderase visitar ata o 27 de abril
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AEPIT) inaugurará hoxe a exposición de pintura do artista lucense Manuel Carreira. O acto será ás 20:00 horas no centro empresarial, e contará coa asistencia do propio autor e do comisario da exposición e membro da xunta directiva da asociación empresarial, Manuel Nieto. A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 27 de abril.
A mostra componse de 22 pinturas ao óleo en diversos formatos. Descrita polo artista como unha pintura figurativa, as obras de Carreira están creadas para pasalo ben pintándoas e mirándoas. “Quero espertar un sorriso no espectador” –sinala–. Desde unha aldea da Pastoriza, Manuel Carreira comezou a desenvolver o súa creatividade co pincel hai 23 anos.
Segundo o comisario da mostra, Manuel Carreira Varela (Lugo, 1966) é autor dunha obra “ben moldeada por moitos anos de traballo e dedicación, sincera, directa e emotiva”. Explica que os seus lenzos están cheos de formas suaves e cores pouco estridentes, que harmonizan naturalmente coa escena representada, onde os elementos se van integrando como un todo indisoluble no que se vai desenvolvendo una escena sincera sobre unha composición equilibrada.
“Manuel Carreira é un pintor feito a si mesmo a forza de moito traballo e dun gran tesón. Na súa xa longa carreira, non faltan algúns éxitos provenientes dun traballo ben feito, cheo de calidades” –sinala Manuel Nieto–. Pero non todo foron éxitos e alegrías. Comezou a pintar por afección, só por divertimento, intuición ou curiosidade ao principio, tal e como o faría un neno.
O comisario indica que Carreira comezou a pintar e pintar miles de cadros e a ter moita fe no que facía, o que lle serviu para encamiñar a súa maneira de crear. “O fin era atoparse a si mesmo e reflectir esa forma de ser que sempre anhelou, esa busca continua da serenidade e a tranquilidade, de apartarse do ruído, de vivir tranquilo, alonxado, aillado, amparado por unha inmensa quietude que lle deixe abordar os seus procesos creativos desde o máis profundo” –apunta Nieto–.