Asesorarase en habilidades sociais e competencias dixitais para a busca de emprego e impartiranse cursos de atención ao cliente para o turismo, xestión administrativa e community manager entre os meses de abril e xuño
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela abre o prazo de inscrición para a formación troncal e específica do plan de capacitación do Programa Integral de Cualificación y Empleo (PICE), unha iniciativa integrada no Plan Nacional de Implantación de la Garantía Juvenil do Ministerio de Empleo y Seguridad Social que conta con financiamento do Fondo Social Europeo.
O programa gratuíto PICE está composto por un conxunto de accións de orientación, formación e achegamento ás empresas que persegue a empregabilidade de mozos e mozas de 16 a 29 anos. Está deseñado a medida do perfil, intereses e grao de cualificación e capacitación dos máis novos e responde á demanda actual das empresas.
Dentro do plan de capacitación do PICE, destinado a ofrecer accións directas de formación, adaptadas ás capacidades e necesidades e ás demandas empresariais para favorecer as posibilidades de inserción laboral de cada participante, celebrarase un curso de formación troncal e tres de formación específica, todos gratuítos e con prazas limitadas, para o que será necesario realizar unha inscrición previa nas oficinas centrais da Cámara de Comercio de Santiago (rúa San Pedro de Mezonzo 44, baixo).
O curso de formación troncal impartirase do 9 ao 25 de abril en horario de 9:00 a 14:00 horas. Ofrecerase orientación en temas de empregabilidade, con información referente a habilidades sociais e competencias dixitais para a busca de emprego. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro mércores, 4 de abril.
En relación á formación específica, para o que será preciso cursar primeiro a formación troncal, celebraranse tres cursos. Do 2 ao 31 de maio celebrarase un curso práctico de xestión administrativa e outro de atención ao cliente para turismo e hostalería, ambos en horario de 9:00 a 14:00 horas. E do 4 ao 27 de xuño programouse un curso de community manager e marketing dixital, de 9:00 a 14:00 horas.
Máis información e inscricións: