Coñecerán o mundo da empresa de economía social como unha posibilidade real de integración no mercado laboral
A primeira charla será mañá mércores no IES Pontepedriña de Santiago, ás 16:30 horas
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela organizará nos meses de marzo, abril e maio dezaséis xornadas de fomento do espírito emprendedor cooperativo para estudantes de centros escolares de Santiago, Teo, Ames, A Pobra, Noia e Arzúa. O persoal técnico da Cámara impartirá charlas divulgativas nos colexios e dirixirá visitas guiadas ao viveiro de empresas, situado no número 40 do Polígono de Costa Vella.Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2018 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social.
O obxecto das charlas é contribuír ao desenvolvemento das calidades persoais relacionados co emprendedor desde idades temperás; fomentar as iniciativas emprendedoras desde o ámbito educativo; e informar, sensibilizar e transmitir a opción do autoemprego como una alternativa laboral digna e viable. Ademais, as xornadas están destinadas a transmitir valores empresariais e cooperativos vinculados á economía social, e dar a coñecer as cooperativas e sociedades laborais como formas xurídicas idóneas para a posta en marcha e desenvolvemento de proxectos empresariais.
A Cámara de Comercio de Santiago deseñou estas xornadas cun compoñente claramente didáctico e diáfano, adaptadas aos distintos niveis educativos e culturais dos estudantes. As sesións son de carácter informativo e divulgativo para estimular o autoemprego e o mundo da empresa de economía social como unha posibilidade real de integración no mercado laboral.
O primeiro centro educativo en participar na iniciativa esta ano será o IES Pontepedriña de Santiago. Mañá mércores, día 21, un técnico cameral trasladarase ao instituto para dar unha charla divulgativa sobre o autoemprego e o cooperativismo para un grupo de 50 alumnos e alumnas do ciclo superior de vendas internacionais e do ciclo medio de actividades comerciais, ás 16:30 horas.