Haberá visitas guiadas para colexios pola vella pensión de estudantes que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela
O Museo Casa de la Troya abre de novo as súas portas ao público durante a Semana Santa. Poderá visitarse dende este mércores, día 21, ata o domingo 1 de abril. O horario é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, de martes a domingo. Estará pechado, como é habitual, o luns durante todo o día. Este ano, ao igual que a temporada pasada, tamén abrirá os domingos.
Tal como lembra Benigno Amor, director do museo e presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo, “as visitas son guiadas e teñen unha duración de entre vinte e vintecinco minutos, en grupos de quince persoas máximo”. E, no marco das celebracións do 25º aniversario da apertura da Casa de la Troya como museo, fai un chamamento aos centros educativos da cidade e doutros puntos de Galicia para que se animen a coñecer e percorrer a vella pensión de estudantes. Nesta liña, este mércores visitarán a casa alumnos de terceiro de Primaria do Colexio Compañía de María de Santiago. E o xoves o museo recibirá a un grupo de alumnos de segundo curso da ESO procedentes do IES de Valga. Os centros interesados en participar nesta experiencia poden poñerese en contacto co museo a través do correo electrónico visitas@lacasadelatroya.gal.
Reapertura durante o verán
O museo pechará despois da Semana Santa e logo abrirá o primeiro venres de maio, momento no que tamén regresarán os Roteiros Troyanos. Estará aberto todos os venres e sábados de maio, xuño e xullo. A mediados do mes de xullo abrirá no seu horario habitual de verán, que se prolongará ata principios de setembro. O horario será de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas; e, ademais, os venres poderá visitarse ata as 22:00 horas.
Segundo indica Benigno Amor, “nos últimos anos foise incrementando a cifra de visitantes ao Museo Casa de la Troya, que en 2017 superou as 2.300 persoas. E este ano agardamos chegar aos 2.500 visitantes”.
O museo Casa de la Troya recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya. Nela aloxábase o personaxe principal, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos. Funcionou como hospedería de estudantes dende 1886 ata 1906 e abriu as súas portas como museo en 1993, xestionado pola Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos.