O obxecto é que os alumnos se acheguen ao mundo empresarial e consideren o autoemprego como unha “opción laboral viable”
Alumnos de formación profesional do IES As Fontiñas visitarán mañá o viveiro de Costa Vella e outros do Mestre Mateo de Santiago recibirán unha charla divulgativa no seu centro
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela inicia mañá venres unha nova campaña para fomentar o espírito emprendedor entre os estudantes de secundaria, bacharelato e formación profesional dos centros educativos da súa área cameral.Estas xornadas, que comprenden visitas guiadas ao viveiro de empresas de Costa Vella e charlas divulgativas nos centros escolares, permitirán ao alumnado coñecer de primeira man o funcionamento da incubadora empresarial e os servizos de creación de empresas que se prestan aos emprendedores e empresarios da demarcacion cameral. A técnico de creación de empresas da Cámara, Rosa Cardeso, explica que o obxecto fundamental desta iniciativa é que os estudantes se acheguen ao mundo empresarial e consideren o autoemprego como unha “opción laboral viable”. Ademais, sinala que estas actuacións permiten avanzar no emprego, igualdade, crecemento, competitividade e innovación das empresas do futuro, contribuíndo a enriquecer a cultura emprendedora dos máis novos. Como cume das visitas ao viveiro de empresas, os alumnos asistirán a unha charla sobre a experiencia profesional dalgún emprendedor da incubadora.
A campaña comezará con nove visitas e charlas divulgativas para estudantes de centros de Santiago, Ames e Melide, organizadas en colaboración cao Cámara de Comercio de España e con financiamento do Fondo Social Europeo. As primeiras accións serán mañá vernres, día 9. Un grupo de 15 alumnos do ciclo superior de edificación e obra civil do IES As Fontiñas de Santiago visitará o viveiro de empresas ás 9:00 horas. E ás 10:00 horas, un técnico cameral impartirá unha charla divulgativa no EASD Mestre Mateo de Santiago para 50 estudantes do grao de moda e dos ciclos superiores de escultura, xoiaría e fotografía.
Nos próximos meses, a Cámara ten previsto organizar outras xornadas de fomento do espírito empendedor cooperativo no ámbito educactivo, nesta ocasión organizadas en colaboración coa Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento e o desenvolvemento da economía social.