Cada vez hai máis. Nas escolas de arquitectura o número de mulleres non ten deixado de crecer nos últimos dez anos, pasando dun escaso 15% en 1980 a superar o 50%. Mais en canto se accede ao mercado laboral, a presenza dos homes supera con fartura ao das mulleres. Os números deixan claro que a situación de desigualdade na arquitectura, como noutros moitos campos, segue estando presente.
Ás veces este discurso, por repetido, parécenos antigo, ademais cada vez hai máis proxectos con sinatura de muller. As profesionais fanse máis visibles, aparecen solucións a problemas que nunca se tiñan formulado no eido da arquitectura e parece que unha nova sensibilidade estase a respirar. Pero as estatísticas evidencian que o desequilibrio en cuestión de xénero no exercicio profesional da arquitectura e o urbanismo continúa, e xa non digamos cando nos aproximamos aos postos representativos.
Polo tanto, convén recordar ata onde temos chegado e non descoidar todo o que falta, recoñecer o esforzo das pioneiras, das que lideran institucións ou están na cabeza das reivindicacións, sinalar onde non hai mulleres aínda que debería, sorprendernos de que continúe o trato diferencial.
E visibilizar referentes femininos en arquitectura:
As Pritzkers: dende 1979, son 3 mulleres. En 2004 Zaha Hadid, en 2010 Kazuyo Sejima, exactamente ela non, senón o seu estudio de arquitectura SANAA que comparte con Ryue, e en 2017 Carme Pigem de RCR Arquitectes con Rafael Aranda e Ramón Vilalta.
As pioneiras: Julia Morgan, Marrion Mahony Griffin, Lilly Reich, Jane Drew, Charlotte Perriand, Denise Scott Brown, Gae Aulenti Lina Bo Bardi… Ou, en España, Matilde Ucelay Maórtua, Rita Fernández Queimadelos… con todas as dificultades que salvaron.
Lembremos a anécdota do grande mestre da arquitectura, e abandeirado da modernidade, Charles Édouard Jeanneret, Le Corbusier, cando no ano 1927, ante a proposta da arquitecta Charlotte Perriand de colaborar con el, respondeu “desgraciadamente, neste obradoiro non bordamos coxíns”. Seguramente mudaría a súa opinión, xa que Charlotte Perriand non tardou un ano en traballar con el. Mesmo ser a súa socia. Foino durante unha década. Pero o recoñecemento público do traballo del e dela é moi distinto.
A historia é igualmente ingrata con outras mulleres e arquitectas, figuras fundamentais para a historia do século XX, pero esquecidas pola historia da arquitectura hasta hai moi pouco.
Marion Lucy Mahony Griffin, nacida en Chicago no ano 1871, foi durante polo menos quince anos un piar fundamental do estudio de Frank Lloyd Wright. Cantos temos lido algunha vez o seu nome?
Lilly Reich, nacida no Berlín de 1885, deseñadora moderna alemana, colaboradora de Mies Van der Rohe durante 10 anos, tiña traballado antes con Josef Hoffmann, en Viena. Abriu o seu propio estudo no 1914, con 29 anos de idade. En 1926 trasladouse de Frankfurt a Berlín para traballar con Mies. Froito desa etapa na que ela colaboraba con el son obras tan significadas coma a casa Tugendhat, o Pavillón Alemán na Exposición Internacional de Barcelona, ou o mobiliario relacionado con estas obras: as cadeiras Brno e Barcelona, por exemplo. Lilly Reich compartiu con Mies a etapa en que el era director da Bauhaus.
Eilleen Gray, nacida en 1879, irlandesa de orixe, francesa de adopción, ao longo dos seus 98 anos de vida foi arquitecta, deseñadora de mobles, e unha das mulleres máis recoñecidas no mundo do deseño industrial. Seguramente ela é unha das excepcións, posto que si se fixo popular polo seu traballo, que foi obxecto de múltiples exposicións, a primeira xa no ano 1913.
Outra profesional recoñecida é Lina Bo Bardi, arquitecta italo-brasileira. Nacida en Roma no ano 1914, se traslada a Brasil no ano 1946. Lina, ademais de dedicarse á arquitectura, produciu para teatro, cine, artes plásticas en xeral. Lina amosa a súa coidada sensibilidade, por exemplo, describindo unha das súas obras coma “un espazo para ser construído polo habitar das persoas, un espazo inacabado que sería completado polo uso popular e cotiá”.
Quen non escoitou falar de Alvar Aalto, pero a súa sombra agocha o traballo de dúas figuras moito menos coñecidas: a primeira Aino Marsio, nacida no ano 1894 e convertida en Aino Aalto, e a segunda Elsa Aalto, nacida en 1922 como Elsa Daisa Mäkiniemi.
Recoñecemos o nome de Charles Mackintosh pero, qué é de Margaret MacDonald?
Ray Eames ten un pouco máis de sorte, porque ela e Charles Eames son coñecidos coma “Os Eames”. O mesmo sucede con Alison Smithson, nacida no ano 1928, cuxa actividade profesional estivo sempre vencellado ao de Peter Smithson, sendo coñecidos ambos como “Os Smithson”.
E o Premio Pritzker que Denise Scott Brown nunca recibiu, a pesar de que compartía obras e proxectos co seu marido e socio, Robert Venturi, nunha traxectoria notoriamente colaborativa. No ano 1991 o premio foi para el, unicamente. A organización, a Fundación Hyatt, declarou que só se premiaban arquitectos individualmente, unha práctica que cambiou dez anos mais tarde.
Están, ademais, esas poucas que saen nas revistas ou son moi relevantes nas redes sociais especializadas, ou as que teñen superado “algún” teito de cristal e ocupan ou ocuparon postos de responsabilidade.
Por poñer un exemplo, dos 27 decanos que hai en España neste momento, tan só 5 son decanas, aínda que un terzo dos colexiados sexan colexiadas. No Colexio de Arquitectos de Galicia, desde a súa creación en 1973, tivemos unha decana entre 2003 e 2005. Todos os demais foron decanos.
Pero isto non é o máis importante. Nas sociedades tradicionais, a distinción de xénero abrangue tódolos ámbitos da vida cotiá, así que a marxinación das mulleres arquitectas na historia é so unha anécdota.
O verdadeiro quid da cuestión que nos ocupa está na ausencia dunha sensibilidade, na creación de espazos que corroboran a desigualdade, na perda da oportunidade no tratamento dos espazos públicos e privados que acollen a vida de toda a sociedade.
As estruturas sociais, os espazos físicos e os escenarios económicos foron creados desde un punto de vista masculino.
O mundo tal e como o coñecemos hoxe probablemente sería moi diferente si mulleres e homes tivéramos convivido en igualdade.
Pero temos chegado ao punto no que nos atopamos. Á espera de que as pioneiras deixen de ser unha excepción, e á vista dos datos, sentímonos na obriga de visualizar a realidade que vivimos, xa que, aínda que as cousas cambiaron nos últimos anos, aínda falta moito por andar.
Resolvamos iso que falta, arquitectos e arquitectas do século XXI, fagamos que todos os modos de entender a nosa profesión e todas as contornas do noso oficio incorporen activa e definitivamente ás ArquitectAs.
Aquí pódese acceder ao sitio para á adhesión á campaña #HaiMulleres #HaiArquitectas #Visibilicemos, asinando o manifesto: http://portal.coag.es/coag/comunicado-con-motivo-do-dia-internacional-da-muller-8-de-marzo/