A pintora marinense Marisa Crespo Rosales expón os seus debuxos e pinturas en Termas de Cuntis

Creou hórreos e palleiros a lapis e paisaxes da súa terra en óleo sobre lenzo ou táboa 

A mostra, “Olladas no tempo”, estará aberta no balneario ata o vindeiro 7 de abril

A artista marinense Marisa Crespo Rosales exporá os seus debuxo e pinturas no balneario Termas de Cuntis. A exposición poderase visitar a partir de hoxe e estará aberta ao público ata o 7 de abril.

A mostra, que Marisa Crespo (Marín, 1955) titulou “Olladas no tempo”, consta de dúas partes ben diferenciadas. Por unha banda, 5 debuxos de motivos galegos realizados a lapis –hórreos e un palleiro– e, por outra, 21 óleos sobre lenzo ou táboa de diversas paisaxes, pertencendo as 27 obras ao estilo pictórico do realismo.

“Cos hórreos e o palleiro, un debuxo de gran formato de 1 metro por 70 centímetros, quero mostrar o que con moito traballo e esforzo fixeron no pasado as nosas xentes. E cos óleos reflicto as distintas estacións do ano, desde o outono coas súas cores, as frías paisaxes do inverno, así como postas de sol propias do verán desde diferentes lugares da miña terra” –explica–. 

Sobre a artista 

Natural de Mogor, lugar do municipio de Marín, e veciña de Moaña, Marisa Crespo Rosales empezou a súa formación en debuxo no ano 2007, continuando coa pintura dous anos máis tarde ao asistir ás clases do gran pintor e escultor moañés Xavier Fernández Ríos. Crea obras en acrílico, acuarela e óleo sobre distintas superficies coma papel, táboa ou lenzo. Desde o ano 2012 expón as súas obras en distintas salas de varios municipios da comunidade galega.