Aseguran que, en xeral, mellora a calidade de vida destes enfermos e redúcense os episodios de dor
No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o balneario ourensán de Laias (Cenlle), acolle mañá venres e o sábado unhas xornadas sobre as indicacións terapéuticas da balneoterapia. Un grupo de futuros médicos, que se están a formar na cura termal, coñecerán o valor das augas mineromedicinais para abordar determinados procesos crónicos e favorecer o benestar dos usuarios.
A coordinadora da Cátedra é a doutora Dolores Fernández Marcos. É médico especialista en hidroloxía médica e directora médico de Caldaria Termal, que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias e Lobios. Salienta que “a balneoterapia é capaz de influír na saúde dos enfermos crónicos, reducindo os episodios de dor e contribuíndo ao seu benestar xeral. Proporciona calidade na mobilidade de pacientes con reumatismos, ao tempo que diminúe as crises agudas. E, en consecuencia, redúcese en boa medida a inxesta de fármacos, os ingresos hospitalarios e o absentismo laboral, tanto en pacientes reumáticos como en pacientes con EPOC (enfermidade pulmonar obstrutiva crónica)”. A doutora Indica que a balneoterapia debe, pois, ser considerada dentro da Medicina como “unha ferramenta terapéutica máis, cun valor fundamental de cara a mellorar a calidade de vida dos enfermos crónicos”.
Cada tipo de auga ten características particulares para tratar doenzas concretas
A doutora sinala que as augas mineromedicinais gozan dunhas propiedades físicas e químicas que as dotan de propiedades terapéuticas. “Cada tipo de auga posúe unhas características particulares para tratar doenzas concretas. Tamén inflúe a temperatura á que aflora a auga e as técnicas que emprega cada centro termal (auga de bebida, inhalacións, baños, piscinas, tanquetas…). Os expertos afirman que tamén repercute a profundidade da inmersión do paciente na auga, que será diferente segundo se queira tratar un problema respiratorio ou do aparato circulatorio, por exemplo.
As xornadas comezan mañá venres ás 16:30 horas. O doutor Tomás Marchena, abordará o tratamento farmacolóxico da dor crónica. Pola súa parte, o doutor José Miguel González explicará as principais demandas dos pacientes con dor. O resto da tarde os estudantes realizarán prácticas no balneario co fin de coñecer as técnicas de balneación máis relevantes, da man da fisioterapeuta María Fernanda Agras.
O sábado abordarase a importancia da fisioterapia no tratamento da dor crónica, para o que se contará co fisioterapeuta do centro, Kamil Brezenzski. Logo a doutora Ada Sevares, directora médico do balneario de Arnoia, explicaralles aos futuros médicos a valoración de pacientes con dor crónica de orixe reumática tratados con técnicas e protocolos balneoterapéuticos. E a xornada concluirá cunha sesión práctica no balneario que lles permitirá coñecer as técnicas de fisioterapia empregadas con estes pacientes.