Juan Luis Magariños, asesor de pemes e autónomos:
“No mundo da empresa ou estás crecendo ou desaparecendo, mentres intentas manterte outros estarán formándose máis ca ti e investindo tempo e diñeiro”
O taller celebrarase o vindeiro martes 20, de 17:30 a 19:00 horas
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela celebrará o vindeiro martes, 20 de febreiro, un taller sobre “Metas 18, optimiza o teu negocio”, entre as 17:30 e as 19:00 horas. Dirixida a autónomos, pemes, empregados e emprendedores, a charla estará impartida polo coach, formador e asesor de pemes e autónomos Juan Luis Magariños.
O obxecto da formación é axudar ás empresas a alcanzar o éxito, planificando o seu rumbo empresarial. No desenvolvemento da xornada poñeranse exemplos de mellora implementados e válidos para pemes e autónomos, con obxecto final de facer máis rendible o negocio e mesmo ter posibilidades de medrar, investindo noutras áreas da empresa como a formación, tecnoloxía ou marketing.
Juan Magariños explica que a maioría de empresarios traballan en “piloto automático” e comezan a súa xornada laboral facendo o mesmo que o día anterior. “Traballan de forma reactiva, en función do que demande a xornada, en lugar de ser proactivos. Deben parar e preguntarse a onde queren chegar co seu negocio, establecer un plan de acción e preguntarse se hoxe foi un día produtivo que serviu para achegarse ou non aos seus obxectivos” –sinala–.
Despois da fase de execución, o experto indica que o empresario debe medir os resultados e ver en que acertou e fallou para mellorar, aplicando este método de análise continuamente. “É máis cómodo facer o que sempre se fixo que pararse a pensar ata onde se quere chegar e buscar a forma de logralo. No mundo dos negocios ou estás crecendo ou desaparecendo, mentres intentas manterte outros estarán formándose máis ca ti e investindo tempo e diñeiro nese propósito. Se estás facendo hoxe as mesmas tarefas que hai seis meses algo non funciona, debes delegar, traballar máis rápido e buscar colaboradores que fagan os labores que aportan menos valor para protexer a planificación, estratexia, innovación, vendas, xestión e automatización” –incide–.
Claves para mellorar unha peme
Para alcanzar o éxito empresarial, Magariños sinala que os empresarios deben ter en mente unha serie de claves estratéxicas. En concreto, explica que deben aprender a ver o seu servizo ou produto desde o punto de vista do cliente, e nunca desde a súa propia perspectiva.
“O ritmo de captación de clientes debe ser maior que o da perda. Como clientes podemos ser infieis moi facilmente. Cada vez é máis doado acceder co teu smartphone a ofertas mellores e nun instante, polo tanto o noso propósito como empresarios debe ser entender e aportar cada vez máis valor ao cliente que ao final será o que decide en que se vai a gastar os cartos” –asegura–.
Ademais, argumenta que os resultados de negocio non dependen do que se di ou se pensa senón do que se fai. “Planifica os resultados que se queren conseguir, sé o actor principal do teu negocio, deseña e executa o plan de acción. Cada acción que fagas no mercado suporá unha reacción que che dará pistas e información para obter a resposta que desexas, por exemplo captar máis clientes. Busca a mellora continua e aprende de cada plan de execución que realices –aconsella–.
Outra recomendación é diferenciarse e deixar de pelexar polo prezo. Magariños destaca que o esencial é sorprender ao cliente. “A xente non só merca produtos ou servizos, senón tamén a emoción que lle provoca adquirilos” –engade–.
Máis información e inscricións: http://www.camaracompostela.com