No Día Internacional de Internet Segura, que se conmemora mañá 6 de febreiro, aconsella protexer os datos persoais durante as transaccións e compras online e incorporarse á cultura da protección de datos
Con motivo do Día Internacional de Internet Segura –coñecido tamén como o Safer Internet Day–, promovido pola Comisión Europea e organizado por Insafe mañá martes 6 de febreiro, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) considera de vital importancia que a sociedade galega faga un uso responsable e seguro das novas tecnoloxías. Segundo advirte o lema desta efeméride en 2018, “Crea, conecta e comparte respecto: unha internet mellor comeza contigo”, o CPEIG intenta transmitir esta mensaxe especialmente aos menores e a mocidade, tal e como versa o contido do programa “Navega con Rumbo” posto en marcha xa hai sete anos co Consellería de Educación.
En concreto, o CPEIG considera que os cidadáns deben tomar conciencia da necesidade de navegar pola rede de forma segura, protexendo os seus datos persoais durante as transaccións e compras online e incorporándose á cultura da protección de datos. Baixo estas premisas, o Colexio elaborou unha listaxe de recomendacións para que a cidadanía sexa consciente das oportunidades e riscos que ofrece a internet:
- Antivirus. Cómpre actualizar periodicamente o software antivirus e de seguridade. Tamén é necesario configurar o software do navegador coas opcións de seguridade máis restritivas.
- Executables. É preferible non descargar programas executables ou ficheiros que sexan susceptibles de conter “software malicioso”. Protexa o seu equipo con programas “devasa” e de detección e eliminación de “software espía”.
- Identificadores. O intercambio e a entrega de datos de carácter persoal e bancarios deben efectuarse nos sitios web que dispoñan de protocolos seguros e de política de privacidade. Nunca proporcione información sobre os seus identificadores de usuario e moito menos sobre as súas claves de acceso. Sexa especialmente rigoroso en avisos de sorteos, ofertas telefónicas ou promocións comerciais de calquera tipo.
- Contrasinais. Manteña, a ser posible, contrasinais distintos para cada web ou servizo que sexan suficientemente longos e difíciles de adiviñar. Procure non usar o PIN dunha tarxeta de crédito, nin a data de nacemento, nin palabras do dicionario ou diminutivos. Conveñen palabras nas que se combinen maiúsculas, minúsculas, números e outros caracteres especiais permitidos, (“iogur.de#piña”, “meu-can.ch4mase-Roque”) que lle resulten fáciles de recordar aínda que difíciles de adiviñar a un terceiro.
- WIFI. Particular atención ás redes sen fíos abertas. A información vai sen protección, logo é susceptible de ser interceptada e utilizada con fins non autorizados. É doado obter os datos de acceso da gran maioría das redes. Recoméndanse usar os últimos protocolos dispoñibles cando sexa posible (WPA/WPA2).
- Buscadores. Teña en conta que o uso dun buscador xera tratamentos de información, que serán empregados como mínimo para ofrecer anuncios personalizados. Convén coñecer as políticas de uso do buscador que máis empregue. Os buscadores poden permitir obter perfís completos sobre a nosa información pública en internet.
- Cookies. Borrar con regularidade as cookies e os arquivos temporais de internet, así como o historial de navegación, especialmente cando se acceda a internet dende un computador ao que teñan acceso outras persoas.
- SPAM. No caso de recibir correos non desexados (spam), non envíe unha resposta, xa que estará confirmando a validez do seu enderezo electrónico. É conveniente desactivar a opción que envía un acuse de recibo ao remitente das mensaxes lidas do sistema de correo electrónico.
- E-mail. Cando envíe mensaxes de correo electrónico a diferentes destinatarios, cómpre empregar o campo “Con Copia Oculta (CCO)”. No caso de envíos masivos utilice ‘listaxes de distribución’.
- Redes sociais. Debe garantir a seguridade da súa información nas redes sociais mediante unha configuración axeitada do seu perfil e empregando contrasinais. Non esqueza que os buscadores poden permitirlle a un terceiro obter a información pública dos perfís.
- Imaxe. A imaxe é un dato de carácter persoal cuxa difusión ou acceso non autorizado pode ser particularmente molesto ou daniño. Ao publicar unha foto ou escribir nun foro pode estar incluíndo información sobre outras persoas. Sexa consciente de que ten que respectar os dereitos desas persoas.
- Cámaras web. Antes de instalar unha cámara web que reproduza imaxes na internet, asegúrese de que a captación sexa o menos intrusiva posible. Así mesmo, debe garantirse a seguridade impedindo o acceso non autorizado a imaxes captadas por este tipo de cámaras.
- Infancia. Debemos educar a infancia nun uso seguro das redes e acompañar os nenos e nenas na súa navegación. Cómpre adoptar medidas de seguridade física e informáticas para os máis cativos, como a situación do ordenador na casa ou unhas horas determinadas de uso.