O Colexio de Arquitectos de Galicia gaña o recurso presentado contra a licitación de asistencia técnico urbanística do Concello de Irixoa

A sentenza coincide coas teses presentadas polo Colexio en que as solvencias económica e técnica recollidas nos pregos “non se axustan á legalidade”

O xulgado afirma que os arquitectos técnicos carecen de competencias en materia de urbanismo e que o asesoramento en patrimonio histórico e cultural é exclusivo do arquitecto 

O Xulgado Contencioso Administrativo nº 1 da Coruña estimou o recurso presentado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia en impugnación da licitación de asistencia técnico urbanística do Concello de Irixoa, municipio pertencente á comarca de Betanzos. O xulgado acolle as alegacións do recurso, presentadas polo Colexio de Arquitectos de Galicia, relativas á solvencia económica e técnica e establecidas no prego aprobado polo Concello de Irixoa.

O Concello licitou o servizo de asistencia técnica en materia de urbanismo, arquitectura e técnica municipal. Tralas comprobacións pertinentes, o Colexio decidiu presentar un recurso administrativo que foi desestimado pola Xunta de Goberno local. Ante esta desestimación da Administración local, o Colexio presentou recurso contencioso administrativo. A sentenza, que acepta e toma en consideración os argumentos presentados polo ente colexial, declara no fallo a nulidade da resolución do Concello xunto co prego de cláusulas administrativas particulares e prescricións técnicas.

A sentenza coincide coas teses presentadas polo Colexio en que as solvencias económica e técnica recollidas nos pregos “non se axustan á legalidade”. Seguindo esta argumentación, os arquitectos de Galicia sinalan que para o colectivo é de especial interese a cuestión competencial á que se refire a sentenza ao afirmar que “os arquitectos técnicos carecen de competencias en materia de urbanismo” e indicar que a competencia en “informes de asesoramento en materia de patrimonio histórico e cultural é exclusiva do título de arquitecto”. O Colexio de Arquitectos de Galicia mantén que a totalidade das funcións do contrato non se poden realizar indistintamente por Arquitecto ou Arquitecto Técnico, xa que a especialidade e núcleo competencial dos arquitectos técnicos é a de execución de obras de edificación, ámbito onde cumpren un importante labor.