O pavillón municipal acollerá a competición que enfrontará a dous grandes deste deporte, o Condes de Albarei Teucro e o Sporting Clube de Portugal, ás 17:30 horas
Esta actividade deportiva é unha maneira de difundir o balonmano de elite e estendelo entre a mocidade
O balneario Termas de Cuntis patrocina o “I Trofeo de Termas de Cuntis de Balonmano”, unha competición que se celebrará este sábado, día 20, ás 17:30 horas no pavillón municipal de deportes de Cuntis.
O trofeo enfrontará na súa primeira edición a dous equipos de balonmano de reputada traxectoria, como son o club Condes de Albarei Teucro de Pontevedra que xoga na Liga Asobal española –o segundo equipo español máis antigo da historia, só tralo BM Granollers–, e o Sporting Clube de Portugal, conxunto da cidade de Lisboa considerado como unha das formacións máis laureadas na primeira división de balonmano portuguesa (Andebol) e que actualmente xoga na Liga de Campións da EHF.
As entidades sinalan que esta actividade deportiva é unha maneira de difundir o balonmano de elite e estendelo entre os máis novos como un deporte de equipo moi atractivo. O secretario do Condes de Albarei Teucro, José Antonio García Lores “Cáceres”, indica que, aproveitando o parón da liga Asobal ata o vindeiro 3 de febreiro, os xogadores da conxunto pontevedrés manteñen o seu nivel físico con encontros deste tipo. E ademais, dentro do acordo de patrocinio co balneario explica que ambas entidades están a desenvolver un proxecto para a creación de escolas deportivas de balonmano en Cuntis, para difundir este deporte e ter canteira para a captación de futuros xogadores.
Acción proactiva no patrocinio deportivo
Na súa teima de promover o deporte e a actividade física, o balneario Termas de Cuntis mantén unha actitude proactiva en canto aos patrocinios deportivos. Por iso renovou o pasado ano o seu patrocinio para a tempada 2017/2018 co club de balonmano Condes de Albarei Teucro. Ademais de patrocinar como en tempadas anteriores a un equipo infantil feminino de base que xoga na división autonómica da súa categoría, a sociedade balnearia figura como colaborador nas emisións en directo dos partidos do primeiro equipo na Televisión de Galicia, con vinilos sobre a pista, ademais de difundir entre os afeccionados programas informativos dos beneficios das augas mineiromedicinais de Termas de Cuntis e as características das súas instalacións.
O patrocino ampliouse con diversas fórmulas de colaboración. O equipo Condes de Albarei Teucro pode usar as instalacións do balneario para a recuperación física dos xogadores, aproveitando os beneficios terapéuticos das augas termais. Despois de longos períodos de adestramentos, as augas mineiromedicinais de Termas de Cuntis axudarán á recuperación dos deportistas antes de competir e como método de reparación física e psíquica, relaxación muscular, prevención e tratamento de lesións.