Reúne esculturas, debuxos, cadros, máscaras, xigantes e cabezudos e ata a Coca e o Coco da Catedral de Santiago
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, inaugurou a mostra esta mañá
A Casa do Cabido acolle a exposición Parafernalia, unha retrospectiva da obra do escultor César Lombera. Esta mañá inaugurábaa o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega. Ao acto asistiron, ademais do propio autor, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; e o responsable de Exposicións do organismo interadministrativo, Juan Conde.
A Casa do Cabido acolle o universo popular, fantástico, festivo, teatral e colorista de César Lombera ao longo das diferentes etapas do artista de orixe vasca, aínda que galego de adopción. “Tiña un especial interese por expoñer na Casa do Cabido polas propias características do edificio, un emblema barroco da cidade e de Galicia, cunhas particularidades arquitectónicas que me atraen moito como artista, cheo de recunchos nos que amosar obras moi dispares” -salienta a autor-.
No trancurso da inauguración, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, manifestou que “para o Consorcio é unha honra contar con esta exposición. Animo a todos os veciños e veciñas da cidade a que se acheguen a visitala. Recolle unha traxectoria artística xa consolidada. É unha mostra moi heteroxénea e ecléctica, na que se poden contemplar diversas figuras que xa forman parte do imaxinario da cidade”.
Boa parte do traballo do escultor baséase no estudo das tradicións galegas, que en moitas ocasións reinterpretou dende a ironía e o humor acedo. En Santiago, Lombera é o autor dos xigantóns da catedral, que a principios dos anos noventa do pasado século substituíron aos barrocos, que estaban en moi mal estado de conservación. No que se refire á recuperación de tradicións perdidas, destaca a Coca e o Coco composteláns, dos que elaborou para a Fundación Catedral a maqueta que se exhibe nesta exposición. Pero, sen dúbida, o artista é particularmente recoñecido en Compostela por dúas das súas esculturas: a das Marías na entrada da Alameda, convertida xa nunha das iconas da cidade; e a de Valle-Inclán, sentado nun banco tamén na Alameda. Exemplos de personaxes que están presentes nesta exposición sobre todo a través de maquetas a escala da súa colección persoal.
O mundo teatral e parateatral ten un espazo relevante nesta mostra, na que se exhiben máscaras de carnaval, xigantes e cabezudos, demos, cocas e fotografías. Ademais, expóñense pezas doutros ámbitos de interese do artista, destacando esculturas en aluminio pulido vencelladas ao mundo mariñeiro, tan importante en Galicia e en particular na ría de Arousa, que acolleu a Lombera na súa infancia e, xa dende hai algúns anos, como lugar de residencia e traballo.
Noutro espazo abórdase o “humor negro”, unha serie de esculturas e debuxos de gran formato de figuras negras. Tamén se resaltan formas orgánicas, esculturas de gran tamaño realizadas con distintos materiais como bronce, madeira… E poden verse esbozos, cadros ou debuxos creados polo autor ao longo da súa traxectoria.
Cada unha das seccións nas que se divide a mostra acompáñase dun texto explicativo. Ademais, o texto de presentación da exposición é de Ramón Yzquierdo, o director do Museo da Catedral de Santiago, que colaborou co artista na selección das obras que finalmente integran esta retrospectiva.
O teatro e a recuperación das tradicións
O período formativo de César Lombera está marcado pola súa relación familiar co mundo da fundición, o ambiente político e social da súa xuventude e, en particular, pola súa estancia en Barcelona entre 1973 e 1978, onde se move nos ambientes teatrais da cidade. No Institut del Teatre afonda no mundo parateatral mediterráneo, que, ao seu regreso a Galicia, aplicará aos costumes e tradicións da terra. “Neste sentido, foi un verdadeiro innovador, e grazas a el téñense recuperado e posto en valor moitos elementos etnográficos” -salienta Ramón Yzquierdo-.
A mostra permanecerá na Casa do Cabido ata mediados de febreiro
A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata mediados do vindeiro mes de febreiro. Poderá visitarse de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público.