A Cámara de Comercio impartirá dous cursos formativos a partir do 20 de novembro
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela organizará a partir do 20 de novembro dous cursos de formación sobre xestión laboral e contable das empresas. As persoas interesadas en participar poden facer a súa matrícula na web da Cámara (www.camaracompostela.com), cun 10 por cento de desconto para as inscricións anticipadas ata dez días antes da data de inicio do curso. Mentres, os asociados á entidade poderán beneficiarse dun 20 por cento de descosto na matrícula.O curso práctico de xestión laboral para contratos, nóminas e Seguridade Social celebrarase nas aulas formativas da Cámara do 20 de novembro ao 1 de decembro, de luns a venres en horario de 19:30 a 21:30 horas. Estará impartido pola consultoría fiscal, laboral e contable C&B Asociados. O obxecto da formación é dotar aos asistentes da capacitación necesaria para traballar na área laboral dun peme ou despacho profesional realizando contratos, nóminas, preparación de seguros sociais e comunicacións á Administración Pública.
E nesa mesma data tamén se iniciará un curso práctico para dominar a folla de cálculo co programa Ms Excel que se estenderá ata o 30 de novembro. A formación será impartida pola consultoría Arxon Estrategia, de luns a venres en horario de 19:30 a 21:30 horas. A formación permitirá aos participantes coñecer as posibilidades de Ms Excel para a xestión dun negocio en diferenctes áreas, ademais de aprender a utilizar as funcións e fórmulas que permiten realizar cálculos nunha folla de cálculo. Segundo sinalan os formadores de Arxon, “no bo desempeño da empresa, as ferramentas de xestión son clave”.
Esta formación permitirá aos alumnos aprender o manexo dunha folla de cálculo de Excel para facer a xestión comercial, co seu correspondente análise de sensibilidade, xestión de base de datos ou elaboración dunha carteira de clientes. Este programa permitirá tamén a fixación de prezos, a análise de créditos, a elaboración de cadros de amortización de préstamos e de inmobilizado, o cáculo de rendibilidade de proxectos, coa correspondente explicación dos termos VAN e TIR, a planificación financeira e de tesourería, ou a xestión de recursos humanos da empresa.