A Cámara de Santiago ofrece aos comerciantes unha formación destinada a coñecer os gustos dos clientes para mellorar os resultados do negocio

Inma Rodríguez Cuervo, coach comercial: “O comercio minorista pode adaptarse infinitamente mellor ás necesidades reais pola proximidade ao cliente ou por implementar accións con tan só unha decisión de cinco minutos” 

Esta actuación divulgativa, que forma parte das actividades previstas no Plan de Comercio Minorista, celebrarase o 15 de novembro no salón de actos, a partir das 16:00 horas

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela organizará o vindeiro mércores, día 15, unha acción divulgativa sobre técnicas de venda e experiencias de compra titulada “A experiencia do cliente no comercio minorista”. A actividade, gratuíta con previa inscrición, celebrarase no salón de actos da sede cameral (rúa San Pedro de Mezonzo, 44, baixo) entre as 16:00 e as 20:00 horas.

A acción formativa, dirixida preferentemente a autónomos, microempresas, pemes, empregados e emprendedores do sector comercial minorista, ten por obxecto que os participantes comprendan as novas demandas do mercado, o que busca actualmente o cliente e os seus hábitos para así identificar como se pode ser máis atractivo e lograr unha melloría no resultado do negocio. A conferencia estará impartida pola comercial, empresaria e formadora Inma Rodríguez Cuervo, que dirixe desde 2015 Emociacción, empresa dedicada ao coaching comercial e a experiencia emocial da venda.

Inma Rodríguez explica que actualmente o mercado quere sentir confianza, seguridade na compra e a personalización dos produtos e servizos, “cada vez máis adaptados a súa necesidade e ao que quere sentir ao adquirir un produto”. En canto aos clientes, a experta sinala que hai diversos tipos, sempre enfocados en “satisfacer unha necesidade emocional na compra, e sentir esa emoción ou gustiño cando se atopa o que te fai sentir ben”.

Ademais, a formadora apunta que o comercio minorista pode adaptarse infinitamente mellor ás necesidades reais, ben pola proximidade ao cliente ou porque pode ensaiar e implementar accións con tan só unha decisión de cinco minutos, sen ter que consultar á dirección xeral que está lonxe da empresa.

Para atraer a novos clientes, Inma Rodríguez considera que un comercio debe coñecer ben “o que o fai diferente” e porque un cliente debe ir comprar alí. Despois dun traballo de investigación sobre as necesidades e gustos dos clientes, o empresario deberá mimalo e facerlle sentir experiencias que cheguen polo cinco sentidos, así como facer o posible para que o cliente probe ou coñeza ben o produto ou servizo que poderá mercar.

Esta actividade forma parte do Plan de Comercio Minorista, posto en marcha polas Cámaras de España e a Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Economía con cofinanciamento do Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER). O Plan de Comercio Minorista contempla un programa destinado a mellorar a competitividade dos comercios da demarcación cameral de Santiago a través de diagnósticos individualizados e informes de recomendacións de mellora para que os locais comerciais poidan asumir as metodoloxías e solucións e incrementar a súa situación competitiva.

Máis información e inscripcións para a actuación divulgativa: http://www.camaracompostela.com/index.asp?ind=1C0A0A0&P=230&ncurso=5122017#.WgA3-dXiaYk