O certame, que premiará de maneira simbólica a empresas polo uso continuado e a recente incorporación ao galego, lembra a figura do histórico comerciante compostelán e loitador en prol da lingua e cultura galegas Manuel Beiras
O prazo para presentar candidaturas estará aberto ata o 11 de decembro e a entrega dos galardóns celebrarase o día 19 no salón de actos cameral
O vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, Evaristo Rodríguez, e o alcalde da cidade, Martiño Noriega, presentaron hoxe na entidade cameral unha nova edición, a número XVIII, do Premio Manuel Beiras de recoñecemento ao uso do galego no sector empresarial. O certame, convocado pola Cámara de Comercio e o Concello de Santiago, cumpre un dobre papel: salientar o esforzo das empresas na normalización lingüística, e lembrar a figura de Manuel Beiras, un histórico comerciante compostelán e destacado loitador en prol da lingua e a cultura galegas.
O obxectivo do Premio Manuel Beiras é distinguir aquelas empresas que fagan un uso normalizado da lingua galega nas súas actividades comerciais e de comunicación. Posto que ten carácter de distinción pública, o galardón materialízase nun elemento simbólico de carácter artístico que lle será entregado ás persoas ou entidades premiadas, sen que leve engadida ningunha contía económica.
Evaristo Noriega salientou a maioría de idade e a boa saúde do recoñecemento que pretende potenciar o uso do galego no sector empresarial. O alcalde sinalou que o premio ten cada ano máis empresas interesadas en candidatarse, pero a mala noticia é que “aínda son necesarias iniciativas como esta, o que demostra que queda moito que facer para normalizar e sensibilizar no uso do galego no ámbito empresarial da cidade”.
O Premio convócase en dúas categorías: “Empresas que veñan realizando un uso continuado da lingua galega” e “Empresas que se incorporaran recentemente ao uso do galego”. Tamén se poderá outorgar unha distinción especial ás persoas ou entidades que se destacaran pola súa contribución á normalización da lingua no mundo empresarial.
Ao galardón poden optar as empresas radicadas no Concello de Santiago, porque teñan a súa sede social no municipio ou porque realicen unha importante actividade nel. Poden presentarse directamente, ou seren propostas por calquera persoa ou entidade.
No xurado estarán representados a Cámara de Comercio, o Concello, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Universidade de Santiago, o Colexio Oficial de Xornalistas, e representantes dunha asociación en defensa da lingua –nesta edición Associaçom Galega da Língua–, dunha asociación de consumidores, e de cada unha das empresas premiadas na edición anterior. A presidencia do xurado altérnase entre o Concello e a Cámara de Comercio, e neste 2017 recae na entidade cameral.
O prazo para presentar as candidaturas ao premio Manuel Beiras rematará o 11 de decembro. As empresas interesadas en presentar a súa candidatura deben facelo a través do departamento de Lingua do Concello ou no departamento de Comunicación da Cámara de Santiago. A entrega de premios celebrarase o 19 de decembro no salón de actos da Cámara de Comercio de Santiago ás 20:00 horas.
Os galardoados na edición pasada foron: na categoría de nova incorporación, Coralia; na categoría de empresas cun uso continuado do galego, Na Nube e unha distinción especial para a Alvarellos.