O Consorcio de Santiago adxudica as obras de reparación de varias cubertas do Auditorio de Galicia por un importe global de 356.950 euros

Presentan un alto grao de deterioración, o que provoca goteiras no interior do edificio

O Consorcio de Santiago acaba de adxudicar as obras de reparación de varias cubertas do Auditorio de Galicia á empresa Rehabita, Gestión Integral de Rehabilitaciones y Restauración, S.L., por un importe global de 356.950 euros. O prazo de execución estimado destes traballos será duns dez meses.

Os arquitectos da Oficina Técnica do Consorcio responsables deste proxecto son Idoia Camiruaga e Ramón Fernández Hermida. Salientan que o obxecto desta intervención é a eliminación das humidades procedentes das cubertas do edificio, xunto á revisión e reparación do sistema de recollida de augas pluviais.

A pesar de que case a totalidade das cubertas orixinais do edificio foron substituídas nos últimos dez anos, aínda quedan algunhas cun alto grao de deterioración, o que provoca goteiras incontrolables nos días de forte chuvia e vento. É o caso das correspondentes ao vestíbulo de acceso (zona de venda de billetes) e a do corredor da sala circular, que presentan graves problemas de filtración de auga. 

Tal como explican os arquitectos do Consorcio, substituirase a cuberta do vestíbulo de entrada por outra de características similares, de lámina de cobre. Tamén se substituirá o anel exterior da cuberta da sala circular e realizaranse dúas gárgolas con función de aliviadoiro para que a auga escape cara ao exterior e non quede retida nos recunchos difíciles por acumulación de follaxe, como acontecía ata o de agora. Ademais, na sala circular cambiarase o actual lucernario por outro de vidro, que permita a aireación e evite condensacións no interior da estancia, ao tempo que se renovará o pavimento.

Por outro lado, nos diferentes camerinos colocaranse aireadores na parte alta das portas, con silenciador acústico. Así mesmo, pintaranse tanto os camerinos como os corredores de distribución dos mesmos.

No caso das galerías, que son un elemento compositivo importante no conxunto do inmoble, modificaranse algúns elementos para evitar as condensacións nos corredores e demais espazos que cerran. Eliminaranse os falsos teitos en mal estado e colocaranse outros novos.