Plan Siberia presenta o seu novo disco “Volboretei” o domingo no balneario Termas de Cuntis

Gabriel Blanco, líder da banda: “Componse de oito cancións que falan das amizades, da morriña, da terra, e de todos os sentimentos que tiven ao estar fóra da casa e espertaba pensando en Galicia” 

A gala, que se celebrará ás 18:00 horas, terá como mestre de cerimonias ao humorista Carlos Blanco e a actuación en directo do grupo 

O balneario Termas de Cuntis é o lugar escollido para a presentación do novo disco da banda Plan Sibeira, “Volboretei”. Este traballo discográfico do grupo pop indie, liderado polo músico e compositor estradense Gabriel Blanco Durán, presentarase o vindeiro domingo, día 29, ás 18:00 horas, cunha gran posta en escena aberta a todo o público que terá como mestre de cerimonia ao actor e humorista galego Carlos Blanco, e contará coa colaboración de Jasper do Grupo Nao.

Gabriel Blanco anticipa que o do domingo será un concerto “familiar” no que se porá en marcha un formato innovador no mundo da música, tanto polo emprazamento, a hora e o público ao que se dirixe. Explica que o evento terá unha gran dose de humor grazas a algún que outro mini monólogo de Carlos Blanco.

O grupo tocará quince temas compostos, escritos e musicalizados por Gabriel Blanco. Ademais, haberá zonas chill out, ambientación celta adornada con alpacas, antorchas, e candís, un punto de venda de merchandising, barra de bebidas exterior e outras sorpresas.

Gabriel Blanco sinala que para a gravación deste novo traballo e a posta sobre o escenario contou coa colaboración dos músicos Antón Torroncho ao baixo, Pla Vinseiro á guitarra, Xurxo Aboy á batería e Iago Pico na mesa de control. O CD é unha interesante mestura de sons que van desde o pop dos anos 80 ata a música tradicional, mesturando figuras como alalás ou ritmos de rumba e muiñeira contemporanizados con acentos pop-surf e cunhas letras repletas de sentidos. “O disco componse de oito cancións que falan das amizades, da morriña, da terra, da lingua, das relacións humanas, de todos os sentimentos que tiven ao estar fóra da casa e espertaba pensando en Galicia, e me deitaba pola noite soñando tamén con ela” –destaca Gabriel Blanco–.

O disco foi apoiado por 66 micromecenas mediante unha campaña de crowfunding na que se conseguiu recaudar 2.000 euros para sacar adiante o proxecto. “Esta gala será unha oportunidade máis para agradecer a axuda a todas aquelas persoas que confiaron en min e fixeron compras anticipadas a traves do crowfunding” –manifesta–.

Gabriel Blanco naceu en Pontevedra no 1986. Comezou os seus estudos musicais no conservatorio da Estrada. Mudouse a Madrid a estudar Arte Dramático e foi mestre de teatro na capital e actor en series como “MIR” (Telecinco) e “Toledo” (Antena 3), ademais de ser considerado actor revelación no Talent Madrid (Teatros do Canal de Isabel II). Nesta faceta interpretativa, Gabriel recibiu unha mención especial da Real Academia das Artes Cinematográficas polo seu traballo xunto ao actor internacional William Miller.

Despois do seu periplo interpretativo, comezou a moverse como cantautor polo circuíto “La noche en Vivo”, actuando en salas como Búho Real, Libertad 8, Zanzibar, Galileo ou Caracol, e decidiu voltar a Galicia decidido a pegarlle un empurrón a súa carreira musical. Xa ten demostrado claramente as súas habilidades como cantante e compositor, cun amplo rexistro que lle permite enriquecer as súas cancións dándolles un ritmo característico e convertíndoas no que son, historias con solidez. A súa versátil forma de cantar e a súa obsesión polos sentidos son marca da casa e fían o debut da súa nova aventura con “Volboretei”.

En 2014 saíu á luz o seu primeiro traballo profesional, “Atletas del corazón”, disco baseado nas seis emocións básicas do ser humano, e gravado nos estudos T-108 coa colaboración de músicos como Thomas Thirta de Undrop/Marlango/Macaco e Mr. Kilombo. Tras estes anos de duro traballo, a recompensa vai chegando a modo de recoñecementos, como ser finalista no Santiautor 2014, semifinalista no Vodafone Yu Music Talent 2015 e no Sonomusic 2015, ademais de gañar o certame da Canción do Verán 2017 de TVG co tema “Xunto a ti”.

Presentación de “Volboretei” na SER:

https://www.youtube.com/watch?v=fd8DviFK4A0

Actuación de Plan Siberia na Gala do 25 xullo na TVG, interpretando o tema “Xunto a ti”:

https://www.youtube.com/watch?v=td3o36SUHJs