Sabela García Fonte, nova directora técnica da Real Filharmonía de Galicia: “A RFG é a orquestra de Galicia enteira e debe pois espallarse por todo o territorio galego pero tamén polo nacional e mesmo internacional”

O director titular da orquestra, Paul Daniel, destaca dela que “sendo unha persoa moi xove, xa conta cunha traxectoria longa que vai contribuír a que a orquestra funcione moito mellor”

 

A nova directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, a galega Sabela García Fonte, presentábase esta mañá aos medios de comunicación. Ao acto asistiron, ademais da propia directora técnica, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega; o director titular e artístico da orquestra, o mestre británico Paul Daniel, que presidiu o tribunal que avaliou aos candidatos a este posto; xunto á xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.

O alcalde, Martiño Noriega, manifestou que “hoxe é un día importante porque levamos dous anos buscando un perfil moi esixente para este posto tan relevante, que debe ocuparse de manter os estándares de excelencia da orquestra, que representa un motivo de orgullo para a cidade, e por fin tivemos a sorte de dar con el”.

Pola súa parte, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, sinalou que as tarefas do director técnico son “moi importantes e complexas”. E, nesta liña, asegurou que “Sabela saberá explotar todo o potencial da orquestra”.

Paul Daniel declarou que “estamos moi satisfeitos e encantados coa nova directora técnica, un ingrediente fundamental desta organización. Sendo unha persoa moi xove, xa conta cunha traxectoria longa que vai contribuír a que a orquestra funcione moito mellor. Temos unha nova chef na cociña e vai ser marabilloso cociñar con ela”.

“Unha responsabilidade fermosa”

Durante a súa intervención, a directora técnica puxo de manifesto que “para min é unha gran honra entrar a formar parte desta gran familia que é a Real Filharmonía de Galicia. É unha responsabilidade fermosa. E porei todo o meu empeño en que a orquestra acade cotas aíndas máis excelentes que as que xa ten acadado. Os músicos teñen unha sensibilidade especial e estou convencida de que con todos estes ingredientes vai saír unha boa receita”.

“Entendo que os valores que deben prevalecer no proxecto que poña en marcha son, en primeiro lugar, a firme vocación de servizo público da orquestra. E, por outro lado, intentarei lograr a maior excelencia artística e a implicación no territorio”. Nesta liña, indicou que “a RFG é a orquestra de Galicia enteira e debe pois espallarse por todo o territorio galego pero tamén polo nacional e mesmo internacional. Non obstante, as xiras implican un importante esforzo económico, polo que tentarei desenvolver unha estratexia para captar os fondos necesarios que permitan realizar esas saídas”.

Unha galega cunha ampla traxectoria no campo musical

Sabela García Fonte (1979) naceu no concello coruñés de Cabanas. Está licenciada en Historia da Arte (na especialidade de Historia da Música) na Universidade de Santiago e en Música Antiga (na especialidade de Violín Barroco) na Escola Superior de Música e Artes Escénicas do Porto. Completa a súa formación académica realizando un máster en Xestión Cultural na Universitat Oberta de Catalunya.

A súa carreira na xestión musical levouna a traballar na Orquesta Barroca de Sevilla e, recentemente, como coordinadora na Asociación Española de Festivales de Música Clásica-FestClásica; e prestando servizos de produción e distribución aos grupos Accademia do Piacere, Gli Incogniti e ao director de escena Rafael R. Villalobos.

Obtivo o título profesional de Violín Moderno no Conservatorio Superior de Música da Coruña e formouse en Violín Barroco no Real Conservatorio de Música de Madrid. Foi profesora asistente de violín barroco na Escola Superior de Música e Artes Escénicas do Porto e profesora na Joven Orquesta Barroca de Andalucía.

Como violinista, integrou diversas agrupacións, como o ensemble Gli Incogniti, a Orquestra Barroca da Casa da Música (Porto), Orquestra Barroca Divino Sospiro (Lisboa), Orquesta Barroca de Sevilla, Ensemble Jacques Moderne (Francia) e Ars Combinatoria (Madrid). Tamén traballou no campo da música de cámara e no da música medieval con grupos de Gran Bretaña, Portugal, España e Galicia, entre eles a Capela Compostelana. Foi membro da Xove Orquestra da Orquestra Sinfónica de Galicia.