A Cámara de Comercio de Santiago inicia o seu proceso electoral coa exposición do censo a partir do mércores 18 e ata o vindeiro 6 de novembro

Os electores poderán formular por escrito as súas reclamacións sobre erro, inclusión ou exclusión das empresas no censo ata o 20 de novembro

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela iniciou o proceso electoral para a renovación do seu Pleno Cameral, segundo a Orde EIC/710/2017 de 26 de xullo (BOE nº 180 de 29 de xullo de 2017), así como polo establecido no Decreto 431/2009 do 19 de novembro da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, polo que se aproba o Regulamento de réxime electoral das Cámaras Oficiais de Comercio, de Galicia (DOG nº 239 de 9 de decembro de 2009).

A Cámara de Santiago informa a todos os electores da demarcación territorial que desde o día 18 de outubro de 2017 ata o día 6 de novembro estará exposto o censo electoral para a súa consulta no domicilio desta Cámara, sito na rúa San Pedro de Mezonzo nº 44, baixo de Santiago, en horario de 8:30 a 14:30 horas, así como no departamento territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, sito na rúa Vicente Ferrer da Coruña. Ademais, os electores poderán consultar os seus datos censais na páxima web desta Cámara, no enderezo electrónico www.camaracompostela.com.

A entidade lembra que todos os electores teñen dereito a formular por escrito, desde o día 18 de outubro e ata o 20 de novembro, as súas reclamacións sobre erro, inclusión ou exclusión das empresas no censo exposto nos grupos e categorías correspondentes, que serán resoltos polo comité executivo da corporación ata o día 4 de decembro de 2017. Contra o acordo adoptado por dito órgano de goberno, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante o órgano tutelar.