Organizaranse sete conferencias ata o mes de decembro sobre cine, música, pintura e arquitectura das vangardas rusas de principios do século XX
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) organizará a partir da vindeira semana e ata o mes de decembro unha serie conferencias sobre a arte da Revolución Soviética, que este ano celebra o seu centenario, incluídas no ciclo “Os Martes das Artes”. Celebraranse sete conferencias na sede da institución (praza Pintor Álvarez Sotomayor, 1. A Coruña) sobre cine, música, pintura, arte de propaganda ou arquitectura soviéticas, ás 20:00 horas.
A arte soviética foi un movemento extraordinario, que coa subida de Stalin ao poder aminorou o seu esplendor ata acabar desaparecendo na década dos 30. Un exemplo claro deste asombroso movemento foi a tendencia construtivista que xurdiu na arquitectura que aínda hoxe ten influencias na práctica da edificación. As vangardas marcaron o camiño da unión da arte e a vida.
O ciclo inaugurarase o vindeiro martes, día 17, cunha conferencia titulada “Unha aproximación ao construtivismo” que impartirá o arquitecto e vicepresidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Celestino García Braña. O 24 de outubro intervirá o fotógrafo e académico Xurxo Lobato que falará de “Fotografía e revolución”. E para pechar o mes, o 31 de outubro, o académico da sección de expertos nas artes, Luis Hueso, falará de “Crear unha linguaxe: Revolución e Cine”.
Xa no mes de novembro, o día 7, o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e académico, Fernando Agrasar, ofrecerá o relatorio “Formalismo e revolución: o soporte teórico da Vangarda Rusa”. A seguinte cita será o 28 de novembro coa intervención da doutora en Historia da Arte e profesora da Faculturade de Belas Artes de Pontevedra Susana Cendán que comentará as “Vangardas rusas: Arte, moda e sociedade”.
En decembro a primeira conferencia será o día 12, a cargo de Enrique Jiménez, académico da sección de música, que analizará a “Música e estética artística na Rusia revolucionario”. E finalmente, o académico de artes da imaxe, Xosé Díaz, dará unha conferencia o 19 de decembro sobre “O Laboratorio de Formas de Galicia no ronsel do Vkhutemas e a Bauhaus”.
Explosión cultural das vangardas rusas
Trala Revolución Soviética de 1917 xorde unha variedade de artes, artistas e medios que apareceron nos primeiros quince anos despois do estalido da revolución con obras de creadores como Chagall, o pintor e creador da pintura abstracta Kandinski, o pintor Malévich creador do suprematismo intermedio entre a abstracción e o futurismo e coñecido pola súa obra “Cadro negro sobre fondo branco”, Deineka, Mujina, Samojválov, El Lisitski, Pável Filónov, Liubov Popova, o cineasta Serguéi Eisenstein, o compositor Serguéi Prokófiev ou o fotógrafo Alexandr Ródchenko. Ademais de óleos, apareceron moitos traballos en fotografía e outros tantos de pósters, cerámica, tecidos ou papeis pintados.
A comezos do século XX, en toda Europa e Rusia desenvolvéronse os movementos artísticos coñecidos como as vangardas. Pero só coa revolución bolchevique e a chegada das vangardas considérase politicamente a función social da arte. E as chamadas “vangardas históricas” (fauvismo, expresionismo, cubismo, dadaísmo e futurismo) foron o puntapé para movementos que teñen como única regla “non respetar ningunha regra”, introducindo elementos innovadores respecto ás formas tradicionais, utilizando recursos que distorsionan os sistemas aceptados de representación e expresión, coa finalidade de “unir a arte coa vida”.
Nun momento convulso onde as protagonistas eran as guerras, os artistas expresaban esta situación cunha produción artística que se caracterizaba por unha gran creatividade que cuestionou todas as convencións estéticas e introduciu novas discusións e desenvolvementos teóricos. Pero o asentamento do stalinismo foi estrangulando a creatividade artística ata decretar en 1934 o chamado “realismo socialista”, que subordinou toda produción artística aos ditados e a exaltación da crecente burocracia soviética.