O certame Gran de Area 2017 premia once proxectos de Ourense, Pontevedra, Vigo, Allariz, Vila de Cruces, Leiro, Nigrán e A Guarda

As delegacións de Ourense, Pontevedra e Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia destacan o “alto nivel” dos traballos presentados nesta décimo sétima edición 

Presentáronse 58 candidaturas que dan resposta ás necesidades da sociedade e reflicten o “compromiso dos autores co proceso construtivo e a arquitectura responsable”

As Delegacións de Ourense, Pontevedra e Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia fallaron  os galardóns da décimo sétima edición dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2017. Estes galardóns supoñen un recoñecemento ao labor “conxunto e tan necesario” de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade –arquitectos, promotores, construtores e aparelladores–. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor do contorno”.

Este ano presentáronse 58 proxectos (21 propostas executadas na demarcación da delegación de Vigo, 19 na de Pontevedra e 18 na de Ourense) de diversas escalas e localizacións que se converten en oportunas reivindicacións da profesión e a arquitectura da provincia, axudando a mellorar o contorno e a modo de vehículo de comunicación para transmitir a cultura arquitectónica á sociedade. “As candidaturas, que destacan polo seu alto nivel, dan resposta ás necesidades da sociedade e reflicten un compromiso dos autores e demais axentes involucrados no proceso construtivo coa arquitectura responsable. Amosan que a arquitectura é posible e cercana e representan á mellor obra arquitectónica do sur de Galicia” –manifesta a organización–.

O acto de entrega de diplomas celebrarase o 20 de outubro no Liceo de Ourense, ás 19:00 horas

O xurado valorou a totalidade dos proxectos presentados e os aspectos concretos que aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio. O xurado estivo composto polos presidentes das Delegacións de Ourense, Pontevedra e Vigo do Colexio de Arquitectos, Alberto de Paula, Manuel Abelleira e Antonio Davila; e un colexiado de cada delegación a seleccionar pola súa Xunta Directiva, Pedro Diéguez por Ourense, Sara Besada por Pontevedra, e Manuel Martínez por Vigo; e a arquitecta Sonia López premiada na edición anterior, e a secretaria da delegación ourensá Emma Noriega. Tras un longo debate e análise dos proxectos presentados, o xurado seleccionou 11 premiados que destacaron polo seu “alto nivel” e calidade arquitectónica.

O acto de entrega de diplomas celebrarase o 20 de outubro, ás 19:00 horas, no Liceo de Ourense, situado na rúa Valentín Lamas Carvajal nº 5, para os arquitectos, promotores, construtores e aparelladores das obras distinguidas. Este acto complementarase coa organización dun ciclo de conferencias impartidas polos premiados, durante os meses de outubro e novembro na cidade ourensá. 

Proxectos premiados 

1 . Heladería “Bico de Xeado” (Ourense)

Arquitectos: Andrea Fernández Fernández/ Juan Ignacio Prieto López/ Faustino Patiño Cambeiro

 

2. “Nemonon” – Espazo multidisciplinar (Pontevedra)

Arquitecto: Mauro Lomba Martínez

 

3.- “Casa da Viña” (Allariz)

Arquitecto: Juan Seara Oro

 

4.- Remodelación de vivienda – A Lonia (Ourense)

Arquitecto: Manuel Jorreto Díaz

 

5.- Edar Lagares – Ricardo Mella (Vigo)

Arquitecto: Cendón-Vázquez arquitectos SCP

 

6.- Ponteledesma – Fase 11 – Vila de Cruces (Pontevedra)

Arquitectos: Elisabeth Abalo Díaz/ Gonzalo Alonso Núñez

 

7.- Centro de día de Mayores – Leiro (Ourense)

Arquitectos: Estefanía Vázquez Mullër/ Roi Feijoo Rey

 

8.- Piscina y urbanización exterior “finca das Rozadas” – Nigran (Vigo)

Arquitecto: Severo Fernández Castro

 

9.- Rehabilitación nave lateral Monasterio San Clodio – Spa Vinoterapia Leiro

(Ourense)

Arquitecto: Óscar López Alba

 

10.- Casa Albor – A Guarda (Vigo)

Arquitectos: Jordi Pérez Castro/ María González Ferro

 

11.- Reestructuración de 4 viviendas – Casco Vello de Vigo

Arquitecta: Eva María Castro Álvarez