Nacho Cabaleiro, relator do taller: “Recoméndase fuxir de sectores oportunistas que están sometidos ás modas e que acabarán desaparecendo en varios anos”
Celebrarase o 17 de outubro e os asistentes participarán nun networking e poderán solicitar unha consultoría individualizada
A Cámara de Comercio de Santiago organizará o próximo 17 de outubro unha xornada gratuíta sobre “Como emprender a través dunha franquicia e conseguir financiamento”, en colaboración Auren Retail y Franquicias e Arxon Estrategia. Celebrarase a partir das 10:00 horas no salón de actos da Cámara.A xornada estará impartida polo xerente de Auren Retail y Franquicias, Nacho Cabaleiro, e o director de Arxon Estrategia, Rafael Martínez. Explicarán diferentes axudas e subvenciones públicas para emprender e liñas de financiamento dispoñibles, todo con exemplos e casos prácticos. Trala charla haberá unha sesión de networking entre os asistentes e reunións privadas e individualizadas cos interesados.
Para alcanzar o éxito cunha franquicia, Nacho Cabaleiro sinala que o emprendedor debe analizar o sector no que vai desenvolver a súa actividade, xa que no sistema de franquicia algúns sectores están en retroceso e outros en expansión. “Recoméndase fuxir de sectores oportunistas que están sometidos ás modas e que acabarán desaparecendo en varios anos” –explica–. Ademais, o experto explica que o proxecto debe estar ben equilibrado entre as dúas partes, xa que “hai moitas empresas co negocio desequilibrado onde só gaña diñeiro o franquiador, o que xera a saída da cadea”.
Outros aspectos destacados que debe ter en conta o franquiciado son os procedementos disciplinados detro dun marco de liberdade, e o oposicionamento ou mensaxe que transmite a franquicia, concepto de negocio coñecido como know-how, que aglutina aspectos de imaxe, presentación ou perfil de empresa. “A clave de todo son as persoas, tanto as que forman parte da empresa franquiciadora como as que forman parte dos franquiciados” –indica Cabaleiro–.
En canto aos acordos que debe ter o emprendedor coa empresa franquiciadora, Cabaleiro sinala que están reflictidos no contrato de franquicia, onde se fixan as marxes da relación entre o franquiciador e o franquiciado, e se definen os acordos económicos, as zonas de exclusividade, as obrigas en termos comerciais ou de marketing, as fórmulas de saída ou o uso das marcas comerciais.
E para financiar un proxecto, Nacho Cabaleiro explica que é recomendable asesorarse correctamente con especialistas. Considera que todo depende do volume de investimento e do tipo de negocio, e asegura que sempre é importante dispor de fondos propios que poidan representar unha porcentaxe razoable do investimento, dado que o posto do financiamento debería corresponder co ritmo de xeración de fondos que poida realizar o negocio.
Por outro lado, o experto destaca que existen moitas liñas de apoio desde a administración pública, con fondos do Igape, das consellerías ou liñas municipais ou mesmo estatais.
As persoas interesadas en asistir deben inscibirse de forma previa posto que a xornada conta cun aforo limitado: http://www.camaracompostela.com/index.asp?ind=1C0A0A0&p=210.