Os arquitectos analizan as técnicas e comportamentos da pedra nos edificios do Centros de Estudos Avanzados, a Escola de Altos Estudos Musicais e a sede da SGAE

Son obras nas que conviven tradición e tecnoloxía a través deste recurso natural respectuoso co medio ambiente

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia organizou hoxe unha visita guiada a tres edificios significativos da arquitectura contemporánea de Santiago de Compostela para observar e analizar as distintas técnicas e comportamentos da pedra: o Centro de Estudos Avanzados (obra de César Portela. 1999 – 2000), a Escola de Altos Estudos Musicais (obra de Antón García-Abril Ruirz. 1998 – 2001) e a sede da SGAE (obra de Antón García-Abril Ruiz. 2007-2008). A tesoureira da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, Carmen Rey, e a arquitecta Susana Rodríguez Carballido guiaron a visita, enmarcada no Día Mundial da Arquitectura que se conmemorou oficialmente o pasado luns baixo o lema “Actuemos contra o cambio climático!”.

O encontro, que comenzou no Parque de Vista Alegre (Finca Simeón) diante da Casa de Europa, serviu para reflexionar sobre a convivencia entre tradición e tecnoloxía a través da pedra como material de construción respectuoso co medio ambiente. Desde os primeiros asentamentos do ser humano no territorio galego, a pedra foi o recurso natural máis utilizado, configurando espazos sagrados, domésticos, públicos, etc. Durante séculos, a técnica no uso deste recurso natural foi evolucionando, en constante diálogo co contorno natural e coa forma local de ocupar o territorio.

Dentro da Finca de Vista Alegre, de propiedade municipal, atópanse diversas instalacións con vocación de uso docente, universitario e cultural promovidas polo Consorcio de Santiago: A Casa de Europa, o Centro de Estudos Avanzados, a Escola de Altos Estudos Musicais e o Museo de Historia Natural. Todo este espazo verde foi reurbanizado e acomodado aos novos usos polos arquitectos César Portela e Arata Isozaki, preservando os valores ambientais e paisaxísticos.

Centro de Estudos Avanzados: “É unha edificación eminentemente racional na súa concepción construtiva, que emprega a pedra, o aceiro e o vidrio como materiais básicos” 

Segundo Carmen Rey, o Centro de Estudos Avanzados, situado no Parque de Vista Alegre e ao noroeste do centro histórico, é un edificio emblemático da Universidade de Santiago de Compostela. Explicou que pretende ser un edificio do seu tempo, fiel expresión deses estudos avanzados que nel terán a súa sede, concibido para xerar entre os seus muros unha atmósfera que propicie o estudo, a creatividade, o intercambio e a estimulación para o desenvolvemento de ideas vangardistas, capaces de fecundar todos os campos do saber nunha universidade que opta por ser un sementeiro de inquietudes, ademais dun depósito de coñecementos. “É unha edificación eminentemente racional na súa concepción construtiva, que emprega a pedra, o aceiro e o vidrio como materiais básicos” –sinalou–.

Ademais, Carmen Rey comentou que se trata dunha construción de formas puras e sinxelas, “unha caixa de pedra de planta cadrada formada no seu interior por dúas caixas prismáticas de igual volumen”, separadas entre si por unha greta de luz pola que ascende unha longa e etérea escaleira que comunica todas as plantas. Apuntou que o cerramento de pedra destas caixas, alí onde a funcionalidade o require, transfórmase en vidrio para permitir que a luz penetre no interior e a visibilidade desde o exterior. “A través destes ocos practicados nas fachadas e a cuberta, a luz e o sol penetran nos recintos interiores e móvense libremente por eles, creando unha atmósfera de ingravidez misteriosa, auspiciada por infinitos xogos de transparencias que enriquecen os espazos e estimulan e alegran as vidas de quenes os usan e os desfrutan” –comentou–.

A Escola de Altos Estudos Musicais concibiuse como un gran cubo de pesadas pezas graníticas de textura tosca

En canto á Escola de Altos Estudos Musicais, Carmen Rey destacou que esta peza foi creada como un gran cubo de pesadas pezas graníticas, de textura tosca, cortadas á contra, deixando vistas as marcas dos taladros para os barrenos que desfán as losas da canteira. A arquitecta explicou que a pesada mole do edificio está asentada nun terreo axardinado, case sen tocalo, que dispón no acceso baixo dun longo dintel metálico que permite que unha esquina da base do pesado volume flote sobre a suave ondulación do solo. Tamén indicou que o interior está presidido por un baleiro que percorre toda a altura e conecta os diferentes espazos. “Este baleiro, de complexo volume, vaise pechando en sentido ascendente e queda bañado en luz, desde o lucernario disposto na cub erta plana –sinalou–.

Sede da SGAE: “Buscouse ligar a tradición galega do uso da pedra desde unha linguaxe moi contemporánea”

Sobre a sede da SGAE, Carmen Rey explicou que o edificio ocupa una superficie de case 4.000 metros e consta de catro áreas funcionais para formación, con diversas aulas; administración, con oficinas; a terceira zona dedicada á difusión, cun auditorio cun aforo mínimo de 200 butacas e laboratorio de audio e vídeo dixital, onde os autores contan cun estudo de gravación e un plató multiusos; e a cuarta área dedicada á exhibición e promoción.

A arquitecta manifestou que a construción consta dun muro sólido e pesado, realizado en pedra, que se enfronta a outra fachada completamente diferente, mentres que no extremo oposto colócase unha enorme vidrieira contemporánea construída con plástico e luces de cores coa última tecnoloxía. “Cada unha das pedras que forman a estrutura pesa unhas 22 toneladas e mide ao redor dous metros de altura. Buscouse ligar a tradición galega do uso da pedra desde unha linguaxe moi contemporánea” –describiu–.

A pared interior está construída con 500.000 carátulas de CD

Cun uso impresionante da masa e utilizando losas de pedra apiladas para crear un espazo intermedio con luz filtrada, Carmen Rey sinalou que a oficina central expresa a súa vontade de formar parte da parede perimetral da propiedade, pola súa situación e posición lonxitudinal adaptada á fronteira da parcela.

“O edificio presenta o enfrontamento de tres muros que corren ao longo dun espazo lonxitudinal, un muro de pedra mirando ao xardín, unha parede interior feita de CD e unha de cristal translúcido á rúa. E estes muros traballan como filtros das distintas situacións urbanas para delimitar e organizar o programa en franxas funcionais” –explicou–. En canto á parede interior, construída con 500.000 carátulas de CD, Carmen Rey matizou que é un plano situado en medio dos elementos exteriores curvos, é dicir, o muro de pedra e parede de cristal transparente que ofrece un rostro discreto á rúa, o control da luz e as vistas dos espazos dentro, segundo a actividade e necesidades. “A súa composición material e calidade fanna aparecer como unha fiestra de cristal manchada e impresionante con diferentes graos de transparencia, unha parede feita de luz e cor, en claro contraste coa natureza da parede de pedra do lado contrario –argumentou–.