Cámara de Santiago e Gas Natural Fenosa acordan promover entre as empresas a cultura da eficiencia enerxética

Desenvolverán accións formativas e ofrecerán asesoramento técnico e económico 

A Cámara de Comercio de Santiago e Gas Natural Fenosa asinaron hoxe un convenio de colaboración para desenvolver accións de interese común para ambas organizacións . O acordo selouse na entidade cameral nun acto co presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, e o director de Comercialización de Soluciones Energéticas de Gas Natural Fenosa, Alberto Fariza Fernández.

O convenio, que ten unha duración de tres anos, establece a promoción, entre as empresas asociadas á Cámara, das distintas medidas que Gas Natural Servizos xestiona entre os seus clientes actuais e potenciais no ámbito da eficiencia enerxética. Ofrecerase formación e asesoramento técnico e económico aos asociados camerais, ademais dunha campaña de concienciación sobre a relevancia de adoptar medidas dirixidas ao aforro e á eficiencia enerxética en institucións, administracións púbicas, empresas e industrias.

No marco do acordo, a Cámara divulgará as xornadas que se organicen para promover as medidas de procura da eficiencia enerxética e Gas Natural dotará de contidos a estes seminarios.