Mañá venres e o sábado, últimos días para visitar o museo, que permanecerá pechado ata a vindeira Semana Santa
Mañá venres e o sábado son os últimos días para percorrer a Casa de la Troya, que pechará as súas portas ao público, como xa é habitual, ata a vindeira Semana Santa. Poderá visitarse en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. O venres estará aberta ata as 22:00 horas.
Como remate da temporada e coincidindo co inicio do curso académico, o museo celebrará unha xornada de portas abertas este sábado. A entrada será gratuíta para todos os estudantes que se acheguen a coñecer a vella pensión que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela de 1915. Esta iniciativa abrangue tanto a estudantes de colexios como de institutos e, por suposto, aos universitarios.
Dende o museo animan tamén aos estudantes Erasmus procedentes de diferentes países a que se acheguen a coñecer “un museo moi vencellado á cidade de Santiago e á súa Universidade. Pode ser para eles unha experiencia amena e unha boa lembranza do seu paso por Compostela”.
Tal como indica Benigno Amor, vicepresidente do Padroado da Casa de la Troya, “ademais das camas, dormitorios, cociña e sala de becas das tunas e outros recordos, pode verse como a casa está recreada ao estilo da época. Destaca unha vitrina con instrumental médico, vaixelas antigas e unha variada colección das múltiples edicións da novela homónima, cada unha coa súa capa ilustrada correspondente”. E salienta que “os visitantes quédanse moi sorprendidos e satisfeitos tamén coas vistas das torres da catedral dende a última planta do museo”.
O museo recibiu este ano 2.300 visitantes
No tempo que estivo aberta La Casa de la Troya este ano -Semana Santa, Día das Letras Galegas, Día Internacional dos Museos e nos meses de verán-, o museo recibiu uns 2.300 visitantes. “É unha cifra moi positiva posto que o ano pasado visitaron a casa ao redor de 1.900 persoas, polo que este notable incremento representa unha moi boa noticia para os que traballamos para que o espítito troiano se manteña vivo” -manifesta Amor-.
Esta semana a Tuna de Empresariales de Jerez de la Frontera (Cádiz) deixou a súa beca para engrosar a colección do museo. E, entre os visitantes que se achegaron á casa nestes últimos días destaca a presenza de dous peregrinos procedentes de Cidade do Cabo (Suráfrica), que chegaron á cidade facendo o Camiño de Santiago.