Aberta a toda a cidadanía, cinco expertos ofrecerán a súa visión técnica e social o vindeiro venres-29
A Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia organiza o próximo venres, día 29, unha xornada sobre o planeamento de Vigo no que cinco relatores expertos no urbanismo da cidade analizarán a evolución, desde os seus inicios históricos ata a actualidade, da planificación e ordenación dos espazos urbanos. A xornada celebrarase entre as 10:00 e as 19:00 horas na sede da delegación (rúa Doutor Cadaval, 5).
O presidente da Delegación de Vigo, Antonio Davila, que inaugurará a sesión, explica que a xornada celébrase para aproveitar o momento de indefinición urbanística da cidade, que nos últimos tempos sufriu unha anulación do novo PXOM e a entrada en vigor do antigo planeamento. O presidente indica que a actividade está pensada desde un punto de vista técnico, “pero cun trasfondo social para que a cidadanía viguesa interesada na situación urbanística da súa cidade poida asistir como público”.
Na xornada falarase dos antecedentes históricos do urbanismo da cidade. O arquitecto José Luis Pereiro Alonso fará un percorrido desde principios do século XX da evolución histórica do funcionando do planeamento urbanístico de Vigo.
O resto de relatores ofrecerán visións parciais e temporais do urbanismo vigués ata a actualidade e con proxección futura, recollendo no só a situación do casco urbano, senón da área metropolitana e a conexión coa ría de Vigo. Intervirán o xeógrafo e historiador, especialista en territorio e urbanismo, Xosé Manuel Souto González, co relatorio “A explicación histórica da organización territorial en Vigo”; o arquitecto Javier Rivas Barros coa súa conferencia “Plan 2008. Xénese e desenvolvemento”; o arquitecto Antonio Alonso Fernández que falará sobre “A cidade da ría de Vigo (1900-2010) e o planeamento”; e a concelleira de Urbanismo, María José Caride Estévez, que analizará a “Situación do urbanismo en Vigo”.
Finalmente, a xornada pecharase cunha mesa redonda, moderada por Antonio Davila, e na que participarán todos os relatores, ademais do xerente de Urbanismo de Vigo, José Carlos Hernández Figueruelo.