Analizaranse as diversas modalidades de protección da propiedade industrial, a súa rendibilidade e defensa xurídica
Celebrarase o vindeiro xoves-28 a partir das 9:30 horas no salón de actos da entidade cameral
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela e o Centro de Apoyo a la Pyme en materia de gestión de derechos de Propiedad Industrial, Intelectual e Innovación (CEVIPYME) celebrarán o vindeiro xoves, 28 de setembro, unha xornada sobre os aspectos máis significativos da propiedade industrial para a empresa no salón de actos da entidade compostelá (rúa San Pedro de Mezonzo, 44, baixo), entre as 9:30 e as 13:45 horas, organizada en colaboración co Servizo Galego de Propiedade Industrial (Segapi). O obxecto da xornada é dar a coñercer ás pequenas e medianas empresas de Santiago e a contorna as vantaxes da propiedade industrial, as súas diferentes modalidades e a súa axeitada xestión para obter dela a máxima rendibilidade.
Trala inauguración oficial do presidente da Cámara, Jesús Asorey, o xestor de innovación da entidade, Anselmo Díaz, iniciará a xornada presentando aos asistentes os servizos que se ofrecen ás empresas; ao igual que o membro da xefatura de Departamento de Xestión da Innovación e do Segapi, Antonio Rodríguez, que comentará os servizos e axudas que ofrece este organismo e mais a Axencia Galega de Innovación a empresas e emprendedores.
Contarase tamén coa participación da Oficina Española de Patentes y Marcas (OEPM) que impartirá un relatorio sobre as distintas modalidades de protección mediante propiedade industrial. A encargada de falar sobre a protección das ideas será a xefe da Área de Difusión, Comunicación y Relación con la Empresa da Oficina Española de Patentes y Marcas), Mónica Castilla, que tamén analizará como rendibilizar os títulos de propiedade industrial e a súa defensa xurídica.
Finalmente, a xornada rematará cun caso de éxito onde se analizará a xestión empresarial da innovación e a comunicación da empresa Televés da man do seu director de Propiedade Industrial Daniel Dios.